Sen un poder xudicial verdadeiramente independente do executivo non é posíbel falar de democracia. A decisión do Tribunal Supremo sobre a sorte dos 10 presos políticos cataláns non se ten de pé. A discriminación entre eles é un disparate xurídico. Imputar selectivamente a Junqueras, Forn, Sànchez e Cuixart o risco de reiteración delictiva é unha presunción que carece de amparo racional e que ten todo o aspecto de obedecer a un cálculo de tipo político, non xurídico.

 

O transvasamento da causa da Audiencia Nacional -tribunal de excepción residuo da ditadura- ao Tribunal Supremo non incrementou as garantías xurídicas das que deberían gozar os encausados, presos políticos aos que se lles imputan delitos fortemente penados no código penal español (e que non existen na Bélxica en que achou provisorio refuxio Puigdemont).

 

A decisión do xuíz vulnera, aliás, o direito á participación política de Junqueras, Forn e Sànchez, un direito que en democracia só se pode limitar para previr a comisión de delitos moi graves. Como poderían voltar a delinquir estes tres candidatos se carecen de calquera capacidade executiva e, alén do máis, acaban de declarar o seu acatamento fáctico do 155? Desde o direito e a razón non hai resposta a esta pergunta, o que indica que é o despotismo o que conduce a actuación dos poderes do estado contra Catalunya.

 



x