Gaña Catalunya: un estado represor é un estado perdedor

Xosé Mexuto - Director do diario dixital Sermos Galiza


Triunfou a liña dura nas cloacas do Estado e a resultante foi un monstro que mallou en centos de cidadás e cidadáns do Principat. Catalunya puxo as urnas e os votos -aínda están a se recontar, as condicións en que se realizou o referendo foron as que foron- e o Estado puxo a violencia. Madrid despiu as súas miserias perante o mundo. Catalunya reviviu a súa memoria de país ocupado nunha xornada que, porén, tivo aspectos épicos e até heroicos, os dun pobo que reaxiu con formidábel civismo perante as balas de goma e os gases lacrimóxenos.

 

O espectáculo de policías a mallaren en anciás e a apañaren urnas é tan pouco edificante que até o staff ao servizo de Angela Merkel se viu obrigado a filtrar a un xornalista de confianza que a chanceler chamara a Rajoy para pedir explicacións. A democracia formal no mínimo ten de ser iso, formal, e non parece moi formal enviar 10.000 policías para reprimir o que o presidente do goberno español cualificaría, na súa comparecencia posterior, como "mera escenificación". Por aí comezou a perder o combate da comunicación -hoxe basilar en política- o complexo monclovita.

 

Catalunya puxo as urnas e os votos e o Estado puxo a violencia

 

O PP é un partido frentista e nel cohabitan diversas familias, un pouco como no Movimento Nacional durante a ditadura. Na batalla de Catalunya gañaron as posicións con maior ardor guerreiro, esa ultradireita emboscada na Rúa Génova que se identifica con Le Pen e que vibrou en secreto co recente revival filo-nazi en Alemaña. Rajoy tiña dúas opcións perante si: ou abría o campo -e a negociación- con Catalunya ou mantiña a unidade do seu partido e evitaba que a grande obra de Fraga -a fusión de toda a direita- estourase en mil anacos. Apostou nesta última opción. E, destarte, deu vía libra á furia represora. Craso erro: un estado que reprime unha xusta demanda -a realización dun referendo- acaba sendo un estado politicamente perdedor -por precisamente deixar ese campo, o da política, desatendido, preterido en favor exclusivamente da vía policial ou para-militar.

 

Catalunya gañou porque en ningún momento sucumbiu ás provocacións e mantivo unha serenidade cívica digna de admiración. Este 1-O xa fai parte do mellor da súa historia. Dixo Puigdemont, cando aínda non se fixeran oficiais os resultados (embora as primeiras mostras apontan a unha vitoria inequívoca do SI), que Catalunya gañara este día o seu direito a formar un Estado independente en forma de República. O president ten toda a razón. A tarefa do soberanismo apartir de agora consiste en garantir a plasmación dese direito. O tempo corre a favor desa emerxente República catalá e definitivamente en contra dun Estado español que en Catalunya comeza a ser o pasado.



x