Hoxe hai menos presenza do galego na sociedade e máis paixón militante e activista pola causa do idioma. Ese paradoxo bifronte é o que temos por diante. Encerra á vez unha realidade terríbel (a vertixe de ver caír a transmisión inter-xeracional, co español xa como a lingua maioritaria na infancia e na mocidade) e unha enorme esperanza, a de que existe capacidade de resistencia social fronte ao fenómeno asimilacionista.

Somos máis que en 2016, como foi maior a afluencia deste ano á marcha de Queremos Galego. E ese é o precisamente o camiño. Non ficarmos estantíos, sermos sempre máis, traermos máis pobo para a causa da lingua, agrandarmos a casa das e dos que queremos para o galego exactamente o mesmo status de que goza o español en España, o inglés no Reino Unido ou o portugués no Brasil. Esa é a chave, sabéndomos que non é unha batalla sinxela nen será un batalla breve, sabéndomos que o fenómeno de substitución do idioma propio do país por aquel que nos foi imposto responde a un proceso histórico secular e non é disociábel da realidade da Galiza como nación dependente.

A vibración a prol do galego non pode ficar nunha nota isolada, ten de ser sostida no tempo

Está estupendo tomarmos a rúa cada 17M e así ten de continuar a ser, cada día con máis multitudes detrás. Mais a vibración a prol do galego non pode ficar nunha nota isolada, ten de ser sostida no tempo. Hai demasiados poderes en contra e moi poucos aliados. O Goberno galego continúa ao seu, a impor o seu modelo lingüístico, o da falsa harmonía. Non hai tal cando unha lingua, a que ten detrás os aparatos do Estado e os poderes económicos, avanza e a outra lingua -a que está a ser substituída- retrocede, por moita paixón que por ela sinta un sector minoritario do noso pobo.

Claro que hai futuro porque hoxe somos máis do que en 2016. Mais somos insuficientes. Non o perdamos de vista. Temos que continuar a gañar apoios. Esta causa só se pode gañar desde abaixo, desde o traballo de organizacións cívicas tan valiosas e afoutas como a Mesa pola Normalización Lingüística ou a plataforma Queremos Galego, premendo en todas as direccións e en todos os ámbitos, sen tolerar en ningún momento que se violen os nosos direitos individuais e colectivos.

Por moito que a retórica oficial o negue, vivemos nun país cun conflito lingüístico. Iso ten consecuencias. Sabemos quen vai gañando. Mais o desenlace da historia felizmente non está predeterminado. Con esforzo e intelixencia en 2018 seremos máis que en 2017.