A moción de censura que anuncia agora Podemos -e que apoia En Marea- vén moito a destempo.

En realidade, a moción de censura a Rajoy aconteceu hai máis dun ano no Congreso dos Deputados, cando se formalizou a sesión de investidura de Pedro Sánchez após alcanzar un acordo con Ciudadanos. 

Ese era o momento de enviar Rajoy a Santa Pola (alí ten a súa praza de rexistrador da propiedade) e de pór fin á anomalía de ter como presidente do goberno o líder dun partido político que é o primeiro na historia do Estado español imputado el propio como institución nun proceso de corrupción.

Ese era o momento de tombar un dos gobernos máis reaccionarios de Europa.

Puideron e non o fixeron. O de agora é un despropósito propagandístico e un novo agasallo a Rajoy: a operación volta a pór de manifesto que á súa esquerda só hai división (alguén pode pensar que o PSOE, segunda forza na cámara, vai apoiar unha moción promovida polo terceiro grupo en número de parlamentares?). A conclusión, portanto, é que non se albisca alternativa progresista á hexemonía conservadora.

O de agora é un despropósito propagandístico e un novo agasallo a Rajoy: a operación volta a pór de manifesto que á súa esquerda só hai división

En realidade, a xogada de Podemos ten máis no albo o PSOE do que o PP. A intención é a de fixar na mente do eleitorado que Rajoy está aí porque o PSOE da xestora (após o asasinato político de Sánchez) se abstivo no seu momento. Hai, si, unha contraindicación, a de que ese mesmo eleitorado reviva a imaxe de Iglesias premendo o mesmo botón que Rajoy na investidura falida de Sánchez -marzo de 2016- mais, amigas e amigos, a vida non é perfeita e non hai operación política que non teña as súas contraindicacións.

En todo caso, mel nas filloas de Rajoy: a moción fracasará porque para prosperar se terían de pór de acordo os que viabilizaron a súa continuidade en marzo de 2016 -Podemos ao votar contra Sánchez- e os que lle deron o nihil obstat para que continuase na Moncloa en outubro dese mesmo ano -o PSOE post-Sánchez coa súa abstención ominosa. Ese acordo é a día de hoxe politicamente imposíbel, polo estado de provisionalidade que atenaza Ferraz, atrapado nun labirinto do que sairá ou social-liberal escola Macron ou neo-socialdemócrata estilo António Costa. En fin, non digo nada especialmente agudo se afirmo que Iglesias é moi consciente de que neste momento o PSOE está inhabilitado para decidir se apoia ou non unha moción de censura (non estará en disposición de dilucidar esa cuestión até que resolva as súas primarias). Se sendo consciente diso, impulsa igualmente a moción é porque o seu obxectivo non é sumar no Congreso unha nova maioría, mais si crearlle problemas ao seu principal competidor eleitoral (que non é, claro, o PP).

A vida non é perfeita e non hai operación política que non teña as súas contraindicacións

Así está a esquerda no Estado español.

Alén diso, o que ten que explicar Iglesias é por que en marzo de 2016 -investidura falida de Sánchez- non existían razóns para derrubar Rajoy e agora en abril de 2017, si. 

Era menos corrupto o PP en marzo de 2016 do que é agora? Menos neoliberal? Menos privatizador? Menos elitista? Menos autoritario? Menos clerical? Menos atlantista?

E, por favor, a lóxica de dicer que tanto ten un goberno de Sánchez apoiado por Rivera como un goberno de Rajoy -esa lóxica da indiferenza foi a que levou Podemos e as confluencias a votaren o mesmo que o PP na investidura do daquela líder do PSOE- é a mesma que conduce agora Mélenchon a unha posición de aparente equidistancia entre Le Pen e Macron.

En definitiva, nun momento en que a fronte xudicial se ensarilla para o PP, a esquerda española, en calquera das súas variantes, continúa a se esforzar en lle facer a vida doada a Mariano.



x