O ranking das nacións de Pablo Iglesias

Xosé Mexuto - Director do diario dixital Sermos Galiza


Non estivo mal a primeira sesión da moción de censura. Deixou cousas, se facemos abstracción de detalles como a excesiva duración dos discursos (quen os pode acompañar realmente? Que percentaxe da populación pode atendelos?) ou a previsibilidade das posicións duns e doutros. Mais aquí quero centrarme nunha cuestión concreta, desde unha perspectiva galega: a visión que sobre o Estado ten o candidato proposto a presidente do goberno, Pablo Iglesias.

 

É unha novidade histórica relativa que un líder de esquerdas español postule a plurinacionalidade do Estado. Si o é no presente réxime político, mais formalmente o PSOE defendeu o direito de autodeterminación realmente até mediados dos anos 70 do pasado século. En todo caso, benvido sexa que o dirixente dunha formación progresista de ámbito estatal defenda o direito a decidir das nacións sen estado.

 

Apartir daí, temos que descer da brocha gorda aos detalles miúdos. E é nesa análise un pouco máis demorada onde saltan as alarmas. Iglesias -ou sexa Podemos, no debate o politólogo madrileño falou máis pola boca do seu partido que pola dos seus aliados, En Marea incluída, diluídos máis que integrados no seu discurso- non defende a incondicionalidade do direito a decidir, eufemismo do direito de autodeterminación. Non, é un direito que só hai que contemplar se a nación concernida o exixe con verdadeira forza. Se non o fai, o direito desaparece. É unha lóxica ben curiosa vinda dun dirixente pretensamente rupturista. Argumentar así é como se nos anos 20 do pasado século se condicionase o direito ao sufraxio feminino á existencia dunha demanda social suficiente por parte das mulleres. Non, para un demócrata, o direito de autodeterminación é ou debe ser un pre-requisito fundamental para falarmos de democracia, como o é o direito ao traballo ou o direito de participación política.

 

É unha novidade histórica relativa que un líder de esquerdas español postule a plurinacionalidade do Estado

 

Por aí chega tamén Iglesias a estabelecer unha hierarquía, unha prelación entre as distintas nacións sen Estado. Un ranking. Unha clasificación. En primeira posición, Catalunya, considerada non como un país, senón como unha crise, como un problema (que só se pode resolver se España se comporta como un socio atraínte e sedutor, na visión de Iglesias). En segunda posición, o "País Vasco" -si, esgazado de Nafarroa-. E por último no terceiro chanzo, "as demais nacións históricas", unha expresión esta que ecoa a constitucional de "nacionalidades históricas".

 

A frase literal de Iglesias durante o debate, programática, expresiva da súa ideoloxía a este respeito, é esta: "O que vale para Catalunya debe valer tamén para o País Vasco e as demais nacións históricas se a maioría dos seus cidadáns e das súas organizacións o exixen". O líder de Podemos omitiu nesa sentenza o nome da Galiza e neste aspecto a súa posición, lonxe de ser rupturista, é plenamente congruente coa dos outros partidos de ámbito estatal -PP, PSOE, Cs- para os cais os "problemas" de España son o catalán e o vasco, nunca o galego. Xa sabemos que aquilo que non se nomea directamente non existe.

 

O líder de Podemos omitiu nesa sentenza o nome da Galiza e neste aspecto a súa posición, lonxe de ser rupturista, é plenamente congruente coa dos outros partidos de ámbito estatal

 

As e os apoloxetas galegos de Iglesias -que os hai, e son miles- contra-argumentarán que si citou o líder morado o nome da Galiza durante o seu discurso. Certo, mais fíxoo nunha reivindicación do espírito do Nunca Máis, aliás tivo ben coidado en despoxar a alusión de todo contido nacional, até o ponto de definir a mobilización cidadá contra o abandono do país como un fenómeno precursor do 15M. Ou sexa, apropiación do levantamento galego para o levar ao seu rego partidario. En todo caso, Galiza apareceu no discurso canda Nafarroa, Baleares, País Valenciano e Andalucía, no mesmo vagón viaxamos.

 

En definitiva, a plurinacionalidade que prefigura Iglesias é a dun Estado federal asimétrico, non con direitos inherentes ás nacións, senón condicionados á existencia dun potente bloco independentista e/ou autodeterminista. Ten isto interese visto desde a Galiza? Desde logo, os sectores politizados do país deberían tirar, ao meu xuízo, unha doada conclusión: se queredes direito a decidir, hai que constituír un potente bloco soberanista. Do contrario, a ollos de Madrid -mesmo do Madrid progre- seremos sempre unha máis das "demais nacións históricas", non á altura de Catalunya e o "País Vasco".

 

A plurinacionalidade que prefigura Iglesias é a dun Estado federal asimétrico, non con direitos inherentes ás nacións, senón condicionados á existencia dun potente bloco independentista e/ou autodeterminista

 

O discurso de Iglesias é, imaxino, aceitábel e plausíbel desde a óptica española ou mesmo desde a óptica dos sectores politizados galegos organizados en plataformas de ámbito estatal (o Podemos de Carmen Santos e Antón Gómez-Reino, a Esquerda Unida de Yolanda Díaz e Eva Solla...). Mais éo desde a óptica daquelas e daqueles que están organizados en forzas formalmente galegas e até nacionalistas (Anova, Foro Galego, o emerxente villarismo)? Esa é unha pergunta que paira no ambiente após esta primeira sesión da moción.

 

E se, cuestión inevitábel, me perguntan por quen gañou o debate, teño a impresión de que concluíu en táboas, o que visto en perspectiva de política estatal, e aquí arrisco un prognóstico a meio prazo, só favorece o ausente. Ou sexa, Pedro Sánchez.