A "unidade popular" da Marea en Pontevedra

Xosé Mexuto - Director do diario dixital Sermos Galiza


Xa sabemos en que consiste a "unidade popular" da Marea en Pontevedra. Consiste en votar co Partido Popular contra o goberno nacionalista. E non en calquera cousa, senón no proxecto de orzamentos, nunha manobra perfeitamente orquestrada por todos os grupos da oposición.  Pinza puramente anguitista e felicidade absoluta en Monte Pío: estas xogadas sempre favorecen o establishment conservador. É isto o rupturismo? Que é o que realmente se quer rachar en Pontevedra?

Pinza puramente anguitista e felicidade absoluta en Monte Pío: estas xogadas sempre favorecen o establishment conservador

É curioso que a Marea non se poña de acordo co PSOE en María Pita (e necesita os seus votos imperiosamente para gobernar a cidade, non se pode facer con 10 concelleiras e concelleiros sobre 27) e, en troca, si o faga en Pontevedra contra o único goberno nacionalista das sete cidades galegas.

Curioso e sintomático.

Son por volta das 13 horas do día despois de a oposición, coa Marea como parte contratante necesaria, armaren un orzamento Frankestein contra o goberno que desde 1999 transformou Pontevedra até a converter nunha cidade modelo a escala global (como se acaba de ver co premio, enésimo, obtido en China). Aínda non escoitei ningunha palabra de desautorización por parte da dirixencia nacional da Marea sobre a confluencia da súa organización pontevedresa cos partidos do réxime -PPSOECS- contra a forza nacionalista e de esquerdas que goberna a cidade.



x