En política hai derrotas que son vitorias e vitorias que son derrotas. Theresa May convocou eleccións antecipadas para machucar o Partido Laborista e negociar con mans libres o dossier do Brexit. O listón púxoo no mantimento da maioría absoluta. May foi ás urnas seducida polo mito de Jeremy Corbyn como líder inelixíbel, unha construción da imprensa da direita e da ala social-liberal do Labour Party. Se Corbyn non xoga, eu gaño sen baixar do autocarro, sen sequer ir ao debate televisivo. Mais as xeracións máis novas non se guían polos editoriais de The Times e teñen pensamento propio. Corbyn gosta porque simboliza o fin dos recortes, a refutación da estética de alcanfor da engolada vella política e un certo retorno á intervención na economía desde o sector público, keynesianismo fronte a neoliberalismo, non para safarmos do capitalismo, senón para que a debacle deste sistema non nos poña en mans do fascismo (un pouco a liña Varoufakis, mais sen pingas de marxismo académico).

 

O excelente resultado de Corbyn -en números absolutos voltan as cifras de Blair, en escanos por cima do score de Gordon Brown- mostra tamén que a evolución cara ao social-liberalismo non é inevitábel nas filas da esquerda reformista. Ou sexa, non hai por que ser nen Manuel Valls nen Susana Díaz nen Abel Caballero. Hai espazo para unha socialdemocracia máis ou menos xenuína que sexa quen a empatizar coas masas.

 

May xogou todo á baza de absorber o eleitorado do UKIP. Foi un erro. En política se te moves do teu espazo hai quen o irá ocupar por ti. Ese movimento cara á ultradireita foi habelenciosamente aproveitado polos lib dem, que rexorden das súas cinzas e fano sobre a base dun programa de corte máis socialdemócrata que conservador. Os de Tin Farron, alén do máis, defenden un novo referendo para o retorno de UK á UE. Esta foi unha cuestión central na campaña. May aderiu o hard Brexit para tornar desnecesaria a existencia do UKIP, aliás os segmentos máis tépedos do eleitorado prefiren unha solución light ao contencioso con Bruxelas. Destarte, Corbyn -partidario dun desenganche suave da Unión- foi percibido como máis moderado do que May no asunto estrela das eleccións.

 

May gañou mais en termos políticos perdeu (13 escanos menos, goodbye á maioría absoluta) e Corbyn perdeu mais en termos políticos gañou (29 escanos máis, a súa consolidación como líder alternativo). Non é unha antinomia de Kant. É pura política.

 

A outra grande noticia da noite é a queda do SNP. Relativa (perde 21 escanos, mais obtivo 35, 59 por cento dos que se elexen en Escocia). O Scottish National Party continúa a ser o partido máis votado, e con moito, no seu país, mais é certo que acusa certos síntomas de esgotamento. A aposta de Sturgeon por un novo referendo -nun momento en que os ollos están máis postos na negociación do Brexit do que na independencia- non acabou de callar nen sequer entre as bases eleitorais do partido nacionalista escocés. Contodo, en Westminster, os escanos do SNP poden dar moito xogo, sobre todo se no seo do Conservative Party se abren fendas a respeito da política europea (lembremos que a formación nacionalista escocesa é ardente defensora do reingreso na UE).

 

O Plaid Cymru incrementa a súa representación, ao obter catro escanos (1 máis) e o Sinn Fein confirma o seu momento doce, co seu mellor resultado de sempre nas eleccións británicas, 7 escanos en Westminster, 3 máis que en 2015. A polarización nos condados do norte de Irlanda é total entre o partido de Gerry Adams e unha DUP -unionista de direitas- sen a cal o Conservative Party directamente non podería gobernar.

 



x