Resolución dictada polo Tribunal Constitucional Supremo do Imperio da Lei Máxima:

 

“Ante a gravidade dos últimos acontecementos e en previsión de consecuencias maiores, a iniciativa de quen corresponde e polos cauces e procedementos regulamentarios reuníuse este altísimo tribunal e, en exercicio das súas atribucións e competencias maiúsculas, por unanimidade unánime e no marco da operación Hannibal Lecter” acordou:

 

1.-En relación aos sucesos que nos ocupan serán chamados a declarar en calidade de testemuñas os autómatas do Tibidabo para responder da súa actitude errática e as súas contradiccións manifestas.

 

2.-Serán asimesmo conducidas ata este alto tribunal as figuras do museo de cera de Barcelona, advertíndolles que se se negan a declarar expóñense ás consecuencias que o Código Discrecional determina para estes casos.

 

3.-Procederase á expulsión inmediata da señora Virxe María de Nazareth, alias “A Moreneta” por carecer de papeis en regra.

 

4.-Serán precintadas todas as confeitarías onde se teña constancia de que se elaboran as monas e caganets, por indicios fundados de que no interior deses locais se agochen láminas de chocolate branco susceptíbeis de seren empregadas para a impresión de papeletas.

 

5.-Será citado en condición de investigado o señor Ildefons Cerdà i Sunyer, urbanista, por artellar un plan e por ceder bo número das cadrículas do seu Eixample para a celebración de aquelarres multitudinarios.

 

6.-Con data de hoxe, Día Mundial do Alzheimer, quedan prohibidos os Xogos Olímpicos de 1992 en virtude da Nova Lei de Memoria Histórica en trámite de elaboración.

 

7.-Serán precintados e custodiados ata novo aviso os volcáns da Garrotxa por indicios fundados de que no seu interior se agochen materiais explosivos.

 

8.-Quedan prohibidos os castells de máis de tres alturas, o funicular de Montjuic, o tren de corredeira de Montserrat e os Pirineos Orientais, para que ninguén se veña arriba. 

 

9.-Quedan prohibidas as butifarras e os calçots por constituíren símbolos fálicos contrarios aos bos costumes do reino de Borbonlandia.

 

10.-Será retida e impedirase a distribución de toda publicación diaria, semanal, mensual ou esporádica que nas súas páxinas ou artigos e en calquera formato inclúa algunha das seguintes palabras chave: Si, non, volem, votar.

 

11.-Queda prohibido todo obxecto paralelepído prismático por susceptíbel de ser empregado como urna, incluídos os envases tetrabrik, as caixas de música ou os colectores de lixo. Sobre todo os colectores de lixo.

 

12.-Queda clausurada a trama rizomática incontrolada coñecida como Internet, vía de contaxio para os contidos inapropiados e os erros ortográficos que impide que a nosa mocidade se concentre e nos deixa quedar mal nos informes Pisa.

 

13.-Díctase orde de busca e captura contra os señores Gabriel Rufián e Gerard Piqué, que tras seren capturados serán espidos e pendurados da fonte de Canaletas para facerlles cóxegas cunha pruma de flamenco do delta do Ebro nas mamilas e no escroto ata que o confesen todo.

 

Bonus track:

Queda prohibido o día 1 de outubro, que provisionalmente e ata nova orde será sustituído polo 31 de setembro.

 

Contra a presente resolución cabe a interposición de recurso mediante entrega na sacristía da basílica do Val dos Caídos s/n, no prazo de dez segundos hábiles a contar desde hai tres.

 

No Santiago Bernabéu, con dous collóns, a equinocio de outono do ano en curso. Hala Madrid!