Alcalde das Neves: "Temos o territorio ocupado polo lume nun 90%" e as lapas "destruíron 90 empregos"

A colaboradora de Sermos Pilar Fernández entrevistou este domingo o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez, sobre a dramática situación en que se acha o concello após a vaga dos lumes. A conversa produciuse a seguir a multitudinaria manifestación da Plataforma contra a Lei de Depredación da Galiza decorrida este domingo en Compostela. Na entrevista, Rodríguez Méndez (BNG) relata que "temos o territorio ocupado polo lume nun 90 por cento na superficie dos núcleos habitados" e engade que "inexplicabelmente" as lapas atinxiron "a totalidade das nosas parroquias".

 

"Temos 9 parroquias e non temos nen unha soa que non fose atinxida por esa lingua de lume", explica. Tal grao de afectación do territorio resulta en enormes dificuldades para a vida cotiá para os máis de 4.000 veciñas e veciños que moran no concello. "A situación neste momento é realmente complexa. Hai cousas cotiás que estamos a atender desde o concello através de persoas que están a prestar servizos voluntariamente", unha rede que "conseguimos estruturar nun prazo de tempo realmente récord". Mais hai servizos que o concello non é quen de repor.

 

A telefonía, por exemplo, na "contorna do núcleo habitado" das Neves. "As empresas a as persoas non teñen teléfono fixo, non teñen internet..., as empresas non teñen sistemas de pagamento telemático... ". O alcalde ten un estimación do alcance da traxedia en termos de destrución de postos de traballo: "Hai empresas que foron arrasadas e temos aproximadamente uns 90 postos de traballo destruídos despois deste incendio de maneira automática, imediata".

 

Na entrevista, o alcalde insta a Xunta da Galiza a que esta semana "veñan ás Neves e procuremos unha solución excepcional para un problema excepcional. Esa solución excepcional nós sabemos por onde orientala e ímoslla pór sobre a mesa. Teñen que estar á altura. Teñen que ter unha mirada sensíbel sobre nós, sobre o territorio. Aprender dos erros e non voltar a cometelos".

 



x