A nova tribo musical lembra o mellor de Os Resentidos

A nova tribo musical lembra o mellor de Os Resentidos
Xurxo Souto
Xurxo Souto  
'A tribo toda Baila' lembra o 30º aniversario da banda que marcou a transformación da música pop na Galiza. Vinte artistas versionan 'Os Resentidos' nunha edición especial que recupera tamén algúns temas remasterizados.

Temos necesidade de memoria histórica musical, de material actualizado do que foi un dos momentos máis importantes da nosa música nas últimas décadas do século XX. O disco dobre 'A tribo toda Baila', un proxecto que comezou en 2009, vai no camiño da homenaxe creativa tal e como fora daquela a introdución do hip-hop e outros ritmos descoñecidos no panorama musical daqueles anos. Música e letras, non esquezamos, cun sentido lírico moi particular. Miguel Mosqueira, compoñente dos Ataque Escampe e un dos artífices da idea, ten claro que Os Resentidos son “un grupo paradigmático e referencial”.

Para a xeración do Xabarin Club vai ser toda unha experiencia escoitar ritmos e letras tan contemporáneos.

Para a xeración do Xabarin Club vai ser toda unha experiencia ir máis aló de Nación Reixa e escoitar ritmos e letras tan contemporáneos. Agora coa homenaxe de vinte artistas (Metralletas Lecheras, Ataque Escampe, A Magnifique Band dos Homens Sen Medo, Safari Orquesta, Miki Nervio & the Bluesmakers, DasKapital, Emilio José, O Sonoro Maxin, Novedades Carminha + Antigüedades Alvarez, Ruxe-Ruxe, Roberto Sobrado, Orquesta Alma Latina, The Homens, Tony Lomba e Elio dos Santos, Os tres trebóns, Ultraqäns, El Puto Coke, Pulpiño Viascón e Transilvanians) ademais decatarémonos que as súas creacións son atemporais. Se temos vagar de escoitar algúns dos traballos individuais destes grupos, hoxe en primeira liña do maltratado circuíto musical galego, atoparemos de ben seguro, moitas influencias. Eis un exercicio doado que propón 'A tribo toda Baila'.

Concerto en Ourense  
Se a proposta do traballo discográfico é individual, con excepcións, temos outra que sorprende: recuperar, despois de tantos anos, aos músicos en directo. O vindeiro 12 de maio no recinto de Expourense celebrarase un concerto único con Antón Reixa, Rubén Losada e Javier Soto, membros da formación orixinal de Os Resentidos, que actuarán acompañados por unha banda de excepción: Rafa Fernández, Manuel Paino, Anxo Graña, Roberto Sobrado, Pablo Vidal, Alex Salgueiro e Xabier Camba. Arrouparanos unha manchea de músicos galegos: Uxía, Sés, Xurxo Souto, Piti Sanz e Luís Tosar, Rómulo Sanjurjo, Xosé Manuel Pereiro, Julián Hernández, Xosé Manuel Budiño, Bieito Romero, Miguel Costas e Tonhito de Poi.  Carlos Blanco será o encargado de presentar o espectáculo que comezará coa actuación de O Sonoro Maxín e Novedades Carminha. Na rede atopamos este concerto en solidariedade cos traballadores de Astano no que participaron Os Resentidos. Vai de agasallo. Contradicindo ao propio Reixa isto sí está moi ben organizado.





x