A Banda de Poi regresa cun salto internacionalista e música 'chamánica'

A Banda de Poi regresa cun salto internacionalista e música 'chamánica'
[Imaxes cedidas pola banda]
[Imaxes cedidas pola banda]  

Firme no Leme, novo single da banda liderada por Tonhito de Poi, pon fin a unha paréntese de seis anos. Co espírito e os ritmos rexenerados, inaugúrase a nova formación do grupo cun tema sobre a incríbel historia de William, forxado nas illas Azores, que hoxe dan a coñecer en Radio Sermos.


Após unha longa paréntese de seis anos, A Banda de Poi regresa renovada en ritmos, espírito e membros. Da formación orixinal só se mantén o seu impulsor Tonhito de Poi, vocalista e guitarra  dos emblemáticos Heredeiros da Crus, que conta cun percorrido de máis de 20 anos no mundo da música. Inda que, como el sempre gosta lembrar: “son de Ribeira e veño do mar”.

Os novos integrantes son “uns músicos de longa traxectoria”, en palabras do mentor do conxunto. Da parte electrónica e os teclados, “que nos conectan coa espiritualidade” encárgase Quique Otero, tamén membro da  Banda Crebinsky e responsábel da dirección do filme Crebinsky. O baixo é Pablo Pérez, compositor e contrabaixo, e autor da banda sonora desta película. Finalmente, na batería, ó serrucho e ó zetrum está Pulpiño Viascón, un dos fundadores dos Diplomáticos de Monte Alto e, segundo Tonhito, “un auténtico home orquestra”.

Os novos integrantes da banda, salienta Tonhito, son "uns músicos de moita traxectoria"

Con esta formación de luxo, a Banda de Poi renova un proxecto que botara a andar no Porto, Portugal, coa premisa de uniren “galegos e portugueses nun mesmo grupo e nun mesmo pobo”, do que saíra o disco Mór (2005). Mais o regreso amosa un salto internacionalista e, desta volta, con músicos autóctonos. “A filosofía segue sendo a mesma”, explica Tonhito en conversa con Sermos Galiza, “mais, no canto de unirmos Galiza e Portugal, procuramos a comuñón de todos os pobos do mundo mediante a música”.

Deste xeito, esta nova etapa estará protagonizada polo que eles chaman “cantos de menciña” ou, o que é o mesmo, “músicas chamánicas”, de orixes diversas coma O Brasil, Perú, Colombia ou o norte da India, que serven de inspiración para as composicións propias. “A nosa onda está no rock sinfónico, con aires pinkfloidianos e psicodélicos, mais é un proxecto moito máis persoal e profundo do que Heredeiros”, aclara quen é a súa alma máter.

"A filosofía segue sendo a mesma mais procuramos a comuñón de todos os pobos do mundo"

2013, Firme no Leme: A incríbel historia de William

A letra do novo single está baseada nunha historia real da que Tonhito tivo noticias nunha xira polas illas Azores.“Na illa do Pico, hai varado un veleiro inmenso que pertencía a un inglés octoxenario chamado William. O barco apareceu á deriva a 20 millas ao sur da Illa das Flores e, após atracarlle o costado, cando subiron a bordo, atoparon a William aferrado ao timón. Levaba morto máis dun mes”, narra Tonhito.

"William apareceu aferrado ao timón dun barco varado ao sur da Illa das Flores. Levaba morto máis dun mes"

A incríbel historia de superación do británico foi plasmada en letra polo antigo mariñeiro de Ribeira e unha artista francesa coa que compartía cartaz no festival Fringe dos Azores, namentres viaxaban a bordo dun barco, dunha illa a outra. “Esa mesma noite collín a guitarra e aí naceu a canción”, lembra visibelmente emocionado.

Inda virá un single máis -sobre un sacerdote de Corrubedo namorado dunha muller- antes de que A Banda de Poi saque o seu novo disco. “Antes de meternos de cheo no estudio, había que testar a banda”, defende o seu guieiro. “Mais, xa non ensaio, saímos todos reconfortados, así que as previsións son moi boas”, salienta.