Chotokoeu: dende A Coruña espallando músicas e alento para o mundo

Chotokoeu: dende A Coruña espallando músicas e alento para o mundo
Chotokoeu, nunha actuación ao vivo
Chotokoeu, nunha actuación ao vivo  Diego Barrós

Após 5 anos circulando polos escenarios de toda a Galiza e tres xiras europeas, Chotokoeu deu o salto ao estudio. A piques de comezar unha nova andaina polo Continente, agasállanos en Radio Sermos con tres temas que, agardan, condensen a enerxía dos seus directos. Ovos de Sapoconcho é o primeiro presente. Nuns días aparecerán na nosa radio Sempre contra o Vento e Ortigueira.


Pasaron case cinco anos de estrada, polos festivais e concertos do pais, até que decidiron meterse no estudo, mais tamén facturaron tres xiras por Europa. Chotokoeu comezou nas rúas e garitos da Coruña, “cambiando música por un pouco de licor café”, coma recoñece Bruno, o seu batería. Conquistaron o público nos escenarios, noite a noite, cuns directos enérxicos que xa @s fixeron ú[email protected] E foron precisamente @ seus [email protected] @s que lle brindaron a oportunidade de gravaren o seu primeiro disco mediante unha recadación vía internet -ou crowdfunding- coa que bateron todas as espectativas.

Chotokoeu é tamén o nome co que @s oito [email protected] músicos da Coruña – non pasan dos 33 anos – selaron a súa ópera prima, sen casa discográfica que @s acompañase. “Somos un grupo totalmente auto-xestionado, mais o noso maior desafío foi condensar no disco a forza dos nosos directos. Tiñamos medo de defraudar o público que está acostumado a nos ver nos concertos”, confesa Marta, voz, violín e única muller de Chotokoeu.

16 cancións que non decepcionan

Con todo, o disco -que se pode escoitar debalde dende a páxina web da banda- non decepcionou e as 16 cancións que o compoñen son directas testemuñas da bagaxe que adquiriron ao vivo. “É moi difícil etiquetarnos musicalmente. Malia que nos comezos tiñamos unha base máis folk, fomos evoluíndo cara á unha mestizaxe na que non descartamos ningún estilo. Chotokoeu é fusión, son músicas do mundo, mais sempre baixo unha óptica galega”, explica o responsábel das baquetas.“Compoñemos xuntos,  música e letras, por iso non nos limitamos a un único xénero, porque cada quen ten os seus gostos”, engade a súa compañeira.

E é que o ideal de innovación e auto-xestión que defenden exerceuse en todos os aspectos da produción e promoción musical ao longo da súa historia. Foi o primeiro premio Galiza Crea, no ano 2009, ao mellor conxunto musical e a consecuente retribución en metálico permitiulles adquirir unha furgoneta para tirar millas. Posteriormente, a súa presenza no cartaz de festivais autóctonos da sona de Pardiñas (Guitiriz), o Reperkusión (Ourense) ou o Millo Verde (Redondela) déronos a coñecer a un público que tería moito que ver na gravación do primeiro disco.

O soño europeo

Mais as ambicións da banda da Coruña non ficaron aí, coa filosofía de que “se queriamos, poderíamos tocar na lúa. Após gravarmos un material de promoción, mandamos emails a salas e festivais de toda Europa coma se se fose acabar o mundo”, relata o percusionista. Así, chegaría a súa andaina por países coma Holanda, Bélxica, Italia, Inglaterra ou Francia e por encontros tan multitudinarios coma o Fusion de Alemaña.

Con todo, as súas actuacións non se limitaron só aos festivais. “En Europa, o movemento alternativo é moi potente. Hai casas okupas que teñen unhas salas de concertos abraiantes e a súa consideración social é moito máis positiva do que no estado español”, afirma Bruno. “Os contactos que fixemos na primeira volta, valéronos para volver tocar neses países. O boca a boca e o contacto persoal son os nosos mellores aliados”, engade a vocalista.

A filosofía de 'faino ti [email protected]'

A piques de comezar a súa cuarta xira estranxeira, aseguran que os límites “hai que os poñer no ceo”. A invención sempre será unha das súas maiores cualidades e, para promocionaren o seu traballo, venden eles propios o novo disco. “Para nós era imprescindíbel que Chotokoeu se puidese escoitar de balde na rede. Non se pode ir contra os tempos. Para obtermos algún rendemento,  Davizín, o baixista, após cada actuación convértese nun punto de venda ambulante para o novo disco e as camisolas da banda”, comentan entre risos. “Coma quen vende pipas nun partido do Dépor”, describe Bruno.

Aliás, para se adaptaren ás rúas ou a locais máis pequenos e humildes, que non contan con instalacións para [email protected] músicos, Chotokoeu ten un proxecto paralelo e acústico chamado A Patxaranga Está Aquí, onde a percusión volta a protagonista. “Nos espazos públicos, por seren libres e gratuítos, o contacto coa xente é sempre moi gratificante pero, amais, son unha boa forma de nos promocionar e nos buscar a vida”, subliña a violinista. De facto, estas experiencias nas prazas das cidades impórtanse, logo, aos directos de Chotokoeu onde son habituais espectáculos coma o circo ou os malabares. Mais é sobre todo esa posta en escena tan cálida e humana a que se adiviña provir das rúas; cunha xente nova con moitas ganas de tocar e onde o 'faino ti [email protected]' é unha filosofía de vida.

Chotokoeu son:

-Marta Seco: Voz e violín
-Brais López: Saxo e coros
-Manuel Fonte: Guitarra eléctrica e coros
-David Elías: Baixo e coros
-Carlos Argibay: Percusión e coros
-Rubén Capelán: Batería e coros
-Wily Giadanes: Guitarra eléctrica
-Hadrian Santos: Teclados e bases
-Nicolás Vieites: Técnico de son

As fotografías desta reportaxe son da autoría de Diego Barrós



x