O festival Brincadeira, cancelado a catro días da súa realización

O festival Brincadeira, cancelado a catro días da súa realización

Cunha nota publicada no taboleiro da súa páxina oficial do Facebook, a organización informa de que ''non podemos asumir de ningunha maneira a continuidade do evento en vista dos malos resultados de asistencia''. A cita estaba fixada para esta fin de semana



Catro días, dúas horas e corenta minutos. Aí parou a conta atrás colocada na parte superior da páxina web do festival Brincadeira, que esta fin de semana tiña previsto facer retumbar Ordes cun cartaz que incluía até 41 grupos e co terror por bandeira.

Así, se hai uns días a organización animaba a asistir con disfraces para facer do municipio unha cidade pantasma (Ghost Town), nesta segunda feira e a través dunha mensaxe colocada no seu taboleiro do Facebook informaron de que esta edición do festival non se realizará. 

"En vista dos malos resultados en canto á asistencia, non podemos asumir de ningunha maneira a continuidade do evento", sinalan nunha comunicación oficial que arrinca cun "hoxe é o día máis triste para Brincadeira Festival". Hai só dous días que a organización facía unha presentación do evento en que informaban dos prezos dos billetes --15 euros anticipado e 25 no propio día--, enfatizando que se mercaran bonos fóra da Galiza, en Francia ou Inglaterra, e que esperaban por volta de 5.000 persoas.

O anuncio en Facebook da cancelación do festival tivo moita repercusión non só entre quen xa mercara os billetes, senón tamén entre @s que refusaran asistir este ano ao non gostar do cartaz.

"Non entendo como podedes cancelar un festival unha semana antes" e "Un cartaz moi frouxo comparado cos cartelóns doutros anos" son os dous comentarios que resumen as queixas recibidas pola organización. Porén, tamén hai quen lles agradece a teima en quitar adiante máis unha edición "contra vento e marea" e quen convida aos e ás críticas a "porse á fronte dun evento e dar conta de pagos sen fondos". 

Terbutalina, Dios ke te Crew, Lydia Bolboreta (a baterista de Labreg*s do tempo dos Sputnik) eran algúns dos nomes que figuraban nun cartaz onde tamén estaba prevista a actuación de Chimo Bayo ou Cañita Brava. A organización encetará esta terza feira, 6 de agosto, a devolución dos cartos a todas as persoas que se fixeron coa entrada por adiantado. Para recuperar o diñeiro deberán dirixirse ao mesmo punto onde fora mercada.