O Festival de Jazz de Lugo cumpre 25 anos e trae máis de 30 citas culturais

O Festival de Jazz de Lugo cumpre 25 anos e trae máis de 30 citas culturais
Cartel do Festival
Cartel do Festival  

O vindeiro sábado 7 comeza a 25ª edición do Festival de Jazz de Lugo que se desenvolve até o 30 de novembro en catro espazos da cidade da muralla. 


Serán máis de trinta as citas culturais (concertos, proxeccións e unha exposición fotográfica), pensadas non só para os amantes deste xénero musical, senón tamén para lle achegar o jazz ao público neófito. Figuras internacionais como Rudresh Mahanthappa, Ernie Watts, Nguyên Lê, Jeff Lorber, Atomic ou José James comparten cartel con outros destacados nomes do panorama jazzístico peninsular e galego.

O Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes, o pub Ho! Gruf e a Casa do Saber da Universidade de Santiago serán as sedes deste evento musical que, baixo a organización da Asociación de Amigos do Jazz Escobijazz, reunirá en Lugo grandes figuras a nivel internacional e estatal, así como recoñecidas formacións do panorama jazzístico galego.

Na carteleira deste ano sobresaen, entre outras, as actuacións que ofrecerán as formacións dos saxofonistas Rudresh Mahanthappa (10 de novembro) e Ernie Watts (día 12), o guitarrista francés de orixe vietnamita Nguyên Lê (día 13), Jeff Lorber Fusion (día 14), o grupo nórdico Atomic (día 14) e o cantante José James (día 15).

Entre as citas destacadas atopamos tamén un concerto de Natalia Dicenta (día 9), moi coñecida pola súa faceta como actriz, pero tamén gran intérprete de jazz; ou a estrea de 'Triangle & Square', obra encargada pola organización ao guitarrista e compositor Marcos Pin e que será interpretada por catro guitarras, unha formación nada usual no ámbito jazzístico.

Así mesmo, o XXV Festival de Jazz de Lugo será o marco do concerto de conmemoración do XV aniversario da declaración da Muralla Romana como Patrimonio da Humanidade, para o que se contará con Elisabet Raspall & Clara Luna e Carmen Souza & Theo Pascal.

Unha exposición fotográfica sobre estes 25 anos de traxectoria do encontro, o ciclo de proxeccións Cine Documenta Jazz e a Festa do Jazz que terá lugar na praza do Campo Castelo son algunhas das actividades paralelas incluídas na programación que, como en anos anteriores, acollerá tamén diferentes sesións didácticas co obxectivo de impulsar a divulgación deste xénero musical.