GERARDO HERRERO, DIRECTOR DE "A PRAIA DOS AFOGADOS"

“O que me interesaba da obra de Villar eran os personaxes e a trama”

“O que me interesaba da obra de Villar eran os personaxes e a trama”
Gerardo Herrero
Gerardo Herrero  

Esta sexta feira 10 de outubro estreouse 'A praia dos afogados', un filme baseado no maior best-seller da literatura galega dos últimos anos. O seu director, Gerardo Herrero, contou co propio autor da novela, Domingos Villar, como guionista dunha fita que se poderá ver en galego en todas as salas do país.


- Como definiría o filme en relación coa novela de Domingos Villar?
- Cando un adapta un libro, adapta unha parte e a min o que me interesaba da obra de Villar eran os personaxes e a trama, sobre todo. Eu non adapto a parte da radio, por exemplo, porque me complicaba bastante a narración. E no filme Caldas non ten parella. Aínda así espero que lle guste aos lectores do libro. E tamén aos demais, claro. 

- Que o autor da obra sexa un dos guionistas mete presión ou relaxa?
- As dúas cousas. De todos xeitos, tiven unha moi boa relación con el e ademais de guionista estivo en boa parte da montaxe. 

- Un thriller na ría de Vigo...
- É unha fita policiaca na que se reflicte o mundo dos mariñeiros. Todo o próximo ao mar e a ría de Vigo está moi presente.

- Seica gravar no mar é moi complexo tecnicamente, ademais de caro. 
- Si, é complicado e ademais leva moito tempo, polo que houbo unha escena que era un naufraxio de noite, que por cuestións de orzamento fixémolo de forma parcial. Salvámolo cun flashback, cunha lembranza do naufraxio. 

- Foi difícil gravar en dúas versións? Logo habería que editar tamén...
- A versión orixinal é a galego-castelán. E non, non foi nada difícil. 

- Que supón este filme na súa carreira?

- Todas as películas son prototipos distintos. Con esta levaba cinco anos traballando. Eu disfruto moito rodando en Galiza, boto aí moitas partes do ano e sentínme moi a gusto facéndoa. Xa rodara antes 'Heroína', por exemplo, e teño unha relación especial co voso país. 

- En cantas salas de pode ver 'A praia dos afogados'?
- En 110 cines, 20 deles en Galiza. Espero que en Galiza guste moito o filme. 



x