Nao: "Somos unha banda feita para crear e axitar conciencias"

Nao: "Somos unha banda feita para crear e axitar conciencias"

Conversamos con Pablo Carracedo, guitarra e voz de Nao arredor do novo disco publicado pola banda, Cancións de amor e liberdadeVídeo no interior


Após a presentación do seu último traballo, Cancións de amor e liberdade, veñen de facer público o seu último videoclip Nova poesía galega II; unha canción que explora novos sons mais que mantén a identidade dunha das bandas de rock máis consolidadas do país. Da súa traxectoria salientan o grande protagonismo [email protected] [email protected] "Se non fose grazas ás persoas que nos seguen non teriamos feito nada".

Cancións de amor e liberdade é o título do voso novo disco. Como encarades esta nova etapa na que ti, asemade, pos a voz a Nao?
Estamos moi satisfeitos. Levamos xirando desde o mes de marzo. Sabemos que o cambio que demos a nivel de banda foi máis que beneficioso. Coidamos que é a formación ideal. Nos últimos días presentamos o último videoclip e estamos con gañas de parar [ri] pois desde que entramos no estudo de gravación non paramos e seguen a saír cousas. Queremos tomar un descanso e quizais volver a entrar en estudo. 

Como está a ser a acollida [email protected] fans?
A acollida é moi boa. Na música a nivel galego ou tés fans ou tés padriños e nós, afortunadamente, temos o primeiro. Neste senso, se non fose grazas ás persoas que nos seguen non teriamos feito nada, moito menos nesta última etapa. Desde podermos publicar este disco, a través dunha inciativa de crowdfunding, até levarnos voando dun lado a outro pois séguennos a todas partes e están moi pendentes de todo o que imos sacando. Por exemplo, co último vídeo foi unha loucura. O primeiro día que o penduramos na rede superamos as 1.000 visitas e fixeron ferver o Facebook e o Twitter. 

Novo disco mais coa mesma combatividade de sempre. Non é tempo para ficar [email protected], non si?

Somos unha banda que está feita para crear e axitar conciencias. Entendemos que agora é máis necesario que nunca, dunha banda, reafirmármonos no noso a nivel cultural e nacional e, doutra, para combater e dar argumentos á xente contra estas políticas. Chámanlle dun xeito cando queren dicir outro; chámanlle resgate cando realmente é un roubo. Criticamos moitas cousas embora tamén deixamos espazo para que a xente interprete. O noso obxectivo é camiñarmos cara á unha sociedade máis libre e máis xusta. 

Mesmo parafraseades a obra de Paulo Freire en Pedagoxía do opresor... É esta unha boa definición da LOMCE?
Por suposto. A dereita máis rancia, española, leva querendo introducir unha lei educativa discriminadora xa desde antes da LOMCE. Forma parte do seu ideario político, clasista, que procura que o ensino separe as clases [sociais] e converta ao alumnado non cualificado en man de obra barata que lle sexa máis doada de explotar e manipular. Entendemos que a escola non debe ser iso. Galiza debe ter unha escola pública, galega, laica, gratuíta e de calidade, que forme persoas con conciencia crítica, libres, que os dote dos recursos suficientes para construír unha sociedade mellor. Pedagoxía do opresor fala de todo isto, do ensino privado e de moitas outras cousas. Parafraseamos a Paulo Freire porque de aí nos vén esa idea mais que non é algo que diga Nao senón que o leva reivindicando moita xente desde hai moitos anos. 

Como foi a experiencia de gravar os dous vídeos con ZIWA?
Foi moi boa e doada grazas á ZIWA. Son xente nova da Coruña que están comezando mais que demostran unha calidade que se saen da mediocridade á que nos teñen acostumados neste país. O primeiro vídeo, Heroes da resistencia gravámolo no prazo dunha semana e no último [Nova poesía galega II] optámos por eles de novo e foi unha pasada. Queriamos un vídeo máis sobrio, con máis medios e eles apostaron polo mesmo que nós. Temos moitas ideas en común. 

Falando de Heroes da resistencia. É unha lembranza ou unha fotografía do presente?
[Ri]. Un pouco de todo, as dúas cousas. Hai quen nos di que é un tema xeracional e coido que non se equivocan. Os que pasamos dos 30 e mesmo os que pasan dos 40 séntense moi reflectidos. Vense como nun espello nesa letra. Será o tempo que nos tocou vivir. De todas maneiras coidamos que está de plena actualidade. En Galiza toca resistir. Resistimos a Fraga [ri] durante moitísimos anos e agora tócanos resistir á bandada de neocons que nos gobernar. O señor Feijóo, Rueda e compañía.

Tamén explorades novos sons con Nova poesía galega I e II...
Cremos que a banda estivo evolucionando. Na maqueta fixemos rap metal. No segundo disco comezamos a introducir cancións melódicas. En Coas túas mans introducimos máis melodía e xa neste [Cancións de amor e liberdade] rachamos coa etapa anterior e xa atopa máis sentido a música que facemos. Nova poesía galega I e II resume a nivel musical e nos textos o que queremos dicer con este disco. A verdade é que fai unha evolución mais quen escoita Nao sabe que somos unha banda con personalidade propia e ao escoitar un tema sabe perfectamente que somos nós. 

Verémosvos proximamente no Castañazo Rock en Chantada...
Estamos encantados de tocar en Chantada. De feito, no propio disco colaboran os rapaces do IES en Pedagoxía do opresor metendo os coros. Nós sempre gostamos de tocar en calquera festival do país e de fóra máis, como neste caso, cando se aposta polo rock e por Nao. Iremos alí a dar todo o mellor que temos. 



x