No décimo aniversario, o Revenidas presenta o cartaz máis potente da súa historia

No décimo aniversario, o Revenidas presenta o cartaz máis potente da súa historia

Con Fermín Muguruza, Obrint Pas e Zuloak, entre os pratos fortes e históricas bandas autóctonas como Os Diplomáticos, Ruxe Ruxe, Zënzar e Ulträqäns, Vilaxoán de Arousa promete esmorga os días 18, 19 e 20 de xullo. Alén dos concertos de pago, o festival aposta por unha programación gratuíta con outras actuacións musicais, contacontos, teatro, circo e sardiñada popular


O décimo aniversario do festival Revenidas traerá a Vilaxoán de Arousa, no concello de Vilagarcía, a programación máis potente da súa historia, con máis de vinte bandas repartidas entre o 18, 19 e 20 de xullo. Malia que nas edicións anteriores o evento só durou dous días, este ano a troula se estenderá dende o xoves até o sábado.

Entre os seus pratos fortes, destacan Fermín Muguruza, Obrint Pas e Zuloak como bandas estranxeiras, mais tamén haberá representantes da música autóctona con Os Diplomáticos de Monte Alto, Ruxe Ruxe, Zënzar e Ulträqäns. Amais, ao final de cada xeira, contarase coa presenza de picadiscos para amenizaren as madrugadas.

Alén destes actuacións de pago, O Revenidas propón unha programación paralela gratuíta porque, malia que o festival “non busca lucrarse, si pretende ser sostible”, explica a organización nun comunicado. 

Deste xeito, o público poderá asistir de balde ás actuacións musicais como as ofrecidas polo cantautor punk O Leo ou a banda de percusión compostelá Trópico de Grelos. Tamén haberá contacontos, teatro, circo, pallasos, e maxia para @s asistentes de todas as idades. A acampada será libre, sen dúbida, unha atracción para o turismo que procure os aires mariñeiros do Salnés. 

Promoción da cultura local

Co obxecto de promoveren “o talento local”, o Revenidas propón distintas actividades. Por unha banda, organízase un concurso de grupos noveis no que xa se presentaron 21 candidatos. O gañador, seleccionado polo público a través das redes sociais, poderá actuar no festival o serán do xoves, o día que toda a programación é de balde.

Aliás, haberá un obradoiro de “tuneado” de camisolas cos distintos logos da Sardiña de Revenidas, creados ao longo dos seus 10 anos de vida. A mostra de graffiteiros será tamén unha das actividades máis orixinais do evento, onde os participantes “decorarán de forma permanente a praza de abastos da vila”, explican dende a asociación Repichoca, promotora do evento.

O cobro, a clave da supervivencia

O abono da sexta feira e o sábado, as dúas xornadas con concertos de pago, valerá 22 euros e, a entrada para un solo día, 14. Dende a organización lembran que, esta década de historia do festival, “non sería posibles sen a contribución do público que merca a súa entrada, a súa camisola e consume nas barras”. Alías, transmiten tamén o seu agradecemento a patrocinadores e colaboradores entre os que se atopa Semos Galiza.