Quique Peón estrea un musical sobre a Revolución Irmandiña

Quique Peón estrea un musical sobre a Revolución Irmandiña
Presentación da obra
Presentación da obra  

“Algún tempo atrás fomos quen de gobernarnos por nós mesmos”, dixo Quique Peón ao presentar o seu vindeiro espectáculo, un musical que leva a escena a Revolución Irmandiña con case 100 artistas no escenario. 


Os días 7 e 8 de decembro Quique Peón Cía estrea no Teatro Colón da Coruña o seu novo espectáculo: ‘O Poder de Arcabuz’, un musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.

A compañía Quique Peón Cía. e o Grupo de Música e Baile Tradicional “Xacarandaina” xúntanse para facer unha das obras máis ambiciosas dos últimos anos. “O Poder do Arcabuz” fusiona distintas artes escénicas enmarcadas nun contexto netamente contemporáneo e traído aos nosos días. A obra é a descrición surrealista dunha historia, creada para a ocasión, baseada na maior revolta do século XV en Europa: A Revolta Irmandiña.

Quique Peón -autor, director e coreógrafo do espectáculo- utiliza a historia dos Irmandiños  e o arcabuz como metáfora do poder e dos cartos. "É unha obra supercontemporánea, non só polo concepto senón tamén polo seu plantexamento, aínda que todos os movementos son tradicionais", explicou Peón.