30 ANOS DUN TRABALLO MÍTICO DO ROCK GALEGO: `FAI UN SOL DE CARALLO'

Os Resentidos preparan un 2016 'de carallo': disco, xira e temas inéditos

Os Resentidos preparan un 2016 'de carallo': disco, xira e temas inéditos

O histórico conxunto presenta esta terza feira en Ribadavia un avanzo do espectáculo que desenvolverá -disco incluído- en 2016 coa Big Band emanada da Banda Lira da Ribadavia: 'Fai un sol de carallo suite'. Haberá temas inéditos, avanza Reixa en conversa con Sermos Galiza, como 'Galicia-Grecia'.


Volven Os Resentidos co 2016 no horizonte. Para o ano conmemórase o 30 cumpreanos de 'Galicia Caníbal', o traballo máis popular dos vigueses, e Antón Reixa e os seus están desde xa a argallar unha comemoración á altura. “É un proceso de casualidades”, confesa Reixa en conversa con Sermos Galiza. En 2014 unha adega do Ribeiro, 'El Paraguas', interesouse por etiquetar o viño co lema 'Fai un sol de carallo', o mítico retrouso resentido da música galega. “Iso fixo que mirásemos para O Ribeiro”, explica o polifacético artista vigués. E que había no Ribeiro? Pois, entre moitas outras cousas, unha banda de música con 175 anos de historia, a Banda de Música de Ribadavia. “Un fenómeno cultural e popular”, resume. Nesa combinación prendeu o xerme do proxecto que comeza a tomar forma estes días e que callará en 2016: un espectáculo ao vivo entre a formación orixinal dos Resentidos e unha Big Band - nada da banda Lira de Ribadavia-, e un disco no que haberá varios temas inéditos. O título da xira, 'Fai Un sol de carallo Suite'.

Esta terza feira haberá un concerto no castelo de Ribadavia, cumprindo coa tradición das festas da localidade. Unha actuación na que a Big Band e Os Resentidos interpretarán temas míticos do combo vigués (´Galicia Caníbal' e 'Economía Sumerxida'), mais tamén composicións inéditas.

Novos temas

Entre as novas cancións 'resentidas' estará 'Galicia-Grecia', composta con Piti Sanz ( The Elas, Sindikato Agrario). “É a historia dun grego e un galego que coinciden diante dun caixero automático. Non saben moi ben que idioma seleccionar, mais o caixeiro só está en alemán”, explica Antón Reixa.

Esta terza feira haberá un concerto no castelo de Ribadavia, cumprindo coa tradición das festas da localidade. Unha actuación na que a Big Band e Os Resentidos interpretarán temas míticos do combo vigués

Canda os temas inéditos haberá tamén “unha revisión profunda do repertorio dos Resentidos”, avanza Reixa, que recoñece estar ilusionado con este novo proxecto. Tece mesmo unha liña de unión entre o fenómeno bandístico que a mediados do XIX fixo que “mediante o compromiso e a auto-organización duns labregos nacese a Banda de Música de Ribadavia”, e a escena 'after-punk' que xerou que nos 80 agromasen grupos como Os Resentidos. “Ao fin e ao cabo, Os Resentidos é un dos tantos grupos que tras o éxito do punk, e de forma desorganizada, deciden botarse á música sen ter nin idea”. Por que? “Pois porque decidimos que temos dereito a contar as nosas propias historias e a facelo sempre en galego, a nosa lingua natural”.

“Son o peor cantante que coñezo”

Reixa afirma que “son o peor cantante que coñezo” e que o posto de frontman dos Resentidos chega da resolución dunha ecuación simple: “a de ser letrista e non saber tocar ningún instrumento”.

En 2016, pois, haberá novo espectáculo dos Resentidos, con disco, xira e cancións inéditas. Vindetous anos despois do seu último traballo en estudo ('Xa están aquí', 1993) e catro após a reunión de 2012 e disco tributo. Un disco este, afirma Reixa, “co que un pode decatarse da gran evolución e da calidade da música en galego”. Unha música que non sería a mesma sen Os Resentidos, o grupo que volve para nos garantir un 2016 'de carallo'.