Unha campaña insta protexer e restaurar os frescos da igrexa dos Vilares, do S. XVI

Unha campaña insta protexer e restaurar os frescos da igrexa dos Vilares, do S. XVI

Os restos de pintura mural ó fresco forman un ciclo ao longo dos muros da nave, con temática diversa. O estado de conservación é malo, con risco de desprendimento. A inciativa impulsada por Lareira de Soños procura a súa restauración.


San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa do lugar de As Reixas (Guitiriz) coñecida por varios motivos. Un deles, que alí ten lugar a celebración da popular romaría da Virxe dos Desamparados. Outro motivo, a xoia que acobilla no seu interior: restos de pintura mural ao fresco do Século XVI e que forman un ciclo ao longo dos muros da igrexa, con temática variada. “O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes  de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversible”, sinalan desde a asociación Lareira de Soños. “Podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo”, engaden.

Representantes da asociación contactaron con responsábeis da Deputación de Lugo e da Diócese Mondoñedo-Ferrol para lles presentar un proxecto de restauración dos fresco, descubertos en 1991, ao quitar caleado das paredes. As orixes de San Vicenzo dos Vilares datan do século XII, "se ben os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII.  No exterior o conxunto está formado un adro murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismais e un sarcófago. Támén existe un Calvario nas inmediacións.  No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos séculos. XVII e XVIII".

Ademáis da iconografía relixiosa, a contorna da igrexa conta con elementos patrimoniais como a casa escola habanera, os vellos cobertizos da antiga Feira do Sete, o pozo de Tabaco, a taberna do sindicato, o castro..