'Estruturas': un documentario para reflexionar sobre urbanismo, territorio e ser humano

'Estruturas': un documentario para reflexionar sobre urbanismo, territorio e ser humano

Paco Gallego e Xosé Bocixa preparan un filme sobre "as agresións ao territorio" que marcan a paisaxe de Galiza. Unha peza audiovisual, din, para "reflexionar" sobre "a desfeita urbanística". Vídeo no interior.


Uralita, construcións sen rematar ou derrubadas. A natureza que gaña espazo ao formigón. Os primeiros fotogramas do novo proxecto documental de Xosé Bocixa e Paco Gallego emprázanos a reflexionar sobre urbanismo, territorio e ser humano. 

Os dous se coñecen desde hai tempo. Partillaron proxecto en 2012 e daqueles descansos na sala de post-produción xurdiu a idea de filmar Estruturas. Un documentario que visa, explican, facernos "reflexionar" sobre "as agresións ao territorio" que se atopan nas aldeas, vilas e cidades do país. A idea, contan en conversa con Sermos Galiza, "foi de Paco [Gallego]" logo de percorreren boa parte da xeografía galega. "Viamos esas composicións surrealistas, estruturas de uralita...", narra Xosé Bocixa. "Decatámonos de que a relación entre a construción e o espazo natural resulta moitas veces patética" e "unha agresión ao territorio", acrecenta Gallego. 

"Un problema colectivo"

Un feito que, din, constitúe "un problema colectivo" e "estrutural" que moitas veces é atinxido ao carácter "humilde" do pobo mais que devén, sinala Bocixa, dunha banda "da permisividade das institucións na procura do negocio" e doutra "da especulación". Este é o caso dos grandes edificios. Bloques de pisos que superan as dimensións das estruturas tradicionais, rachan coa paisaxe e tornan o espazo natural "nun territorio destrozado", contan. 

Ambos os dous fuxen do concepto "feísmo" tantas veces nomeado para definir este tipo de construcións. "Non somos condescendentes nen xustificamos as 'chapuzas gallegas'", conta Gallego. Máis ben todo o contrario, o seu obxectivo é pór riba da mesa unha cuestión poucas veces analisada. "Queremos que quen vexa o documentario reflexione". Sen procurar "facer sentir culpábel á familia que fai unha determinada obra", acrecenta Bocixa, mais si a respeito da "falta de respecto" que como colectivo "amosamos cara o medio", apunta Gallego. 

 "A xente precisa ulir e tocar a uralita para saber que está aí"

Ese é a hipótese da que parte Estruturas: "o maltrato ao territorio é un maltrato a nós propios" e o resultado de prácticas que se xeralizaron no territorio galego ao longo dos últimos 80 anos. "A xente precisa ulir e tocar a uralita para saber que está aí", apunta Paco Gallego pois, acrecenta Bocixa, "ás veces, estamos tan acostumados a ver barbaridades que xa non nos sorprenden". 

É por iso que os dous autores saen en diversos fotogramas ollando "a desfeita", subliñan. "O obxectivo é representar persoas, pór o elemento humano" tamén como protagonista. 

O filme continúa en fase de rodaxe e se ben aínda non ten data de remate, agardan que saia á luz este ano. Para ir abrindo boca achégannos un vídeo promocional no que mesturan anacos do documentario coa música de Radiohead. Unha peza, din, que "é o salmo".