Fernando Cortizo, director de 'O Apóstolo': “A xente de fóra sintoniza cos nosas lendas”

Fernando Cortizo, director de 'O Apóstolo': “A xente de fóra sintoniza cos nosas lendas”
Fernando Cortizo, director de O Apóstolo
Fernando Cortizo, director de O Apóstolo  SG
A primeira película do país financiada por crowdfunding colleita premios en varios festivais internacionais e ten unha boa acollida en Galiza, mais conta con problemas de distribución. O compostelán Fernando Cortizo, director da longametraxe fala de marxinación.

Na guía de profesionais da Axencia Audiovisual Galega aseguran que despois da súa primeira curtametraxe en 8 mm “O monstro da praia” quedou esgotado e precisou descansar cinco anos. Tan duros foron os inicios?

(Risos)... Non, daquela estudaba veterinaria e dediquei máis tempo á carreira. Seguín como hobby mais sen dedicarme ao cen por cen.
Mais a túa intención é que o cine sexa a túa profesión...

Claro. Se agora a situación esta difícil, daquela nos anos 90 non existía nada. Vivir do cine era algo raro. Estudei veterinaria para sobrevivir e o cine era o que me gustaba. Fixen curtametraxes varios anos pagando eu do meu salario todo.

Como nace “O Apóstolo”?

A miña obra sempre ten unha conexión galega. Faltaba unha longametraxe que falara das nosas lendas e esa Galiza máxica que está aí mais eu non a vira nunca. Pensei que máis que películas sobre monstros galácticos tiña que aproveitar as nosas lendas para dar a miña visión desa Galiza máxica. Pensei nun contraste entre a Galiza rural, das néboas, de Lugo, e a Galiza moderna dos turistas que veñen de moitos países... Dábame moito xogo para a trama e facer un conto gótico.

Que tal foi o traballo cun equipo técnico tan variado e procedente de todo o mundo?

Cando comezamos foi xa cos mellores vimbios. Se dedicábamos catro anos a esta longametraxe queriamos que fose recoñecido en todas partes. Procuramos que en cada departamento houbera especialistas que aportaran ese I+D e formar a xente galega que quedase preparada para outras películas.

"Os resultados de recadación que temos agora enganan posto que non se pode comparar horarios bos e malos, mesmo ter unha sesión ou varias no mesmo cinema"

É máis doado traballar con personaxes de animación que de pel e ósos?

O traballo de animación dura moito tempo e tivemos unha convivencia de moitas horas. Eran unhas 11 horas diarias durante moitos meses. Ao final formamos unha familia, é unha relación diferente. Nas outras hai xerarquías, ródase todo en cinco semanas, hai un xefe de departamento e os outros obedecen. Na animación comemos xuntos, ceamos xuntos, falamos moito e todo é máis doado. É unha experiencia moi bonita.

Pensou sempre en determinados actores e actrices para participaren en O Apóstolo?

Si. Quería actores e actrices bos e recoñecíbeis para que aportaran “alma”. Non quería bonecos que se moveses dobrados polo cantante de non sei que grupo... quería actores e actrices que actuaran, que lle deran respiración e sentimento. Sempre pensamos nesta xente. A película conta con actores galegos para os personaxes galegos e para os “turistas” xente de fóra.

Foi un privilexio contar coa participación de Philip Glass?

Foi unha sorpresa. Mandeille guión, debuxos, mais non sabía se respondería... Mes e medio despois contestou coa mensaxe de que pensaba que era algo novidoso e que lle prestaba. Logo todo foron facilidades. Propuña ideas e aceptaba críticas. Foi moi fácil traballar con el.

Agora Bos Aires, Moscú, Marsella, 'O Apóstolo' ten espírito viaxeiro...

Gústame. Dicían que era unha película localista e era como algo negativo. Viaxando decátaste que funciona moi ben vender cousas nosas. Non facer outra versión máis de “A noiva cadaver”... Foi bonito ver como reacciona a xente en Bos Aires ou Marsella onde gañamos. A xente de fóra sintoniza cos nosas lendas.

'O Apóstolo' chegou ás salas comerciais. Que tal vai a resposta do público estes primeiros días?

Temos un problema. Tivemos un contrato cunha distribuidora para saír en 80 salas coincidindo co Hallowen no Estado español e o día antes avisan de que só estará en 25. Ademais en moitas salas o horario é matinal ou pouco habitual para ir ao cine. Desfixeron toda a nosa estratexia. É unha magoa ver como fóra a película funciona tan ben e aquí non. Marxinan a película e non sei porque. Se nos din antes que non podían, nós podiamos buscar salas alternativas... É moi forte. Somos pequenos e non temos ferramentas para defendermonos. Hai que agradecerlle aos socios e socias do crowdfunding que seguen apoiando a película. Os resultados de recadación que temos agora enganan posto que non se pode comparar horarios bos e malos, mesmo ter unha sesión ou varias no mesmo cinema. É todo un pouco absurdo. Quédanos que a xente saiba que estas cousas pasan.