A fita sobre Leslie Howard de Marcos Nine, premio ao mellor filme nun festival polaco

A fita sobre Leslie Howard de Marcos Nine, premio ao mellor filme nun festival polaco
Marcos Nine
Marcos Nine  

"A viaxe de Leslie", o documentario de Marcos Nine sobre o accidente do actor británico nas costas galegas, gaña o premio ao mellor filme no Festival de Cinema Europeo de Estetino, en Polonia.


O xurado do Festival de Cinema Europeo de Estetino, en Polonia, destacou o xogo entre ficción e realidade en 'A viaxe de Leslie', o documentario de Marcos Nine que reconstrúe o misterio de desaparición de Leslie Howard, o actor inglés que protagonizou entre outras 'Foise co vento' e que morreu cerca das costas de Cedeira cando o avión no que viaxaba desde Lisboa a Londres foi derribado por cazas alemáns. 

A fita de Marcos Nine (A Illa, 1977) foi seleccionada entre 900 películas presentadas ao festival polaco e foi escollida como mellor filme. Na longametraxe, en palabras do director, preténdese que o espectador "disfrute do relato dunha historia real que quedou como un misterio, sen aclarar se a morte do actor foi accidental ou foi un ataque por motivos bélicos". O filme utiliza exclusivamente imaxes de arquivo para a narración de maneira que pola longametraxe atravesan personaxes históricos como o propio Howard, que ademais de actor foi un activista en contra da Alemania nazi, Winston Churchill, Hitler, Franco ou compañeiros de profesión do intérprete inglés, nomes e caras tan célebres como Clark Gable, Humphrey Bogart ou Ingrid Bergman.

Ademais do premio en Polonia, 'A viaxe de Leslie' foi premio Mestre Mateo á mellor Montaxe na súa máis recente edición, pasando por festivais como a Seminci de Valladolid, Cineuropa en Santiago, Play-Doc en Tui, (S8) Mostra de Cinema Periférico ou o Aegean Docs na illa grega de Lesbos.

'A viaxe de Leslie' chegará as salas comerciais o vindeiro 20 de novembro. Poderá verse nas seguintes salas: Multicines Norte de Vigo, Dúplex de Ferrol e As Cancelas de Santiago.