MONUMENTOS GALEGOS ILUMINÁRONSE DE VERDE

Monte Pindo: 5 anos de loita por un parque natural

Monte Pindo: 5 anos de loita por un parque natural
Pontevedra
Pontevedra  

Van xa cinco anos desde a fundación da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Para celebralo e reclamar a declaración do Olimpo Celta como parque natural, monumentos ao longo do país tinguíronse de verde.


Edificios e monumentos de diferentes vilas galegas tinguíronse a pasada noite de verde en apoio á declaración do Monte Pindo como parque natural. Deste xeito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural fixo “unha chamada de atención" á Xunta de Galiza "para que dunha vez se aveña á súa protección e desenvolvemento sustentábel”.

Os edificios e monumentos que se iluminaron de verde como apoio simbólico á declaración do Monte Pindo como parque natural foron o Hórreo de Carnota, o Pazo de Raxoi (Compostela), a Fonte de Catro Camiños (A Coruña), O Artiluxio de Carballo, o concello de Ferrol, o Castelo de San Carlos (Fisterra), a Muralla de Lugo, o concello de Pontevedra e o Castelo de Vimianzo.

Ademais, no día de hoxe, coincidindo co aniversario da creación desta asociación tiveron lugar unha serie de actividades que comezaron coa subida ao Monte Pindo a través dun roteiro que levou as persoas participantes a acadar o cumio e a visitar a lendaria Cova da Xoana ou Revertedemos, na que a tradición sitúa ancestrais ritos de carácter pagán. Tamén terá lugar no que resta de día un recital poético, unha degustación de cócteles, a homenaxe popular a Pepe do Fieiro –último cabreiro do Monte Pindo-, unha cea popular, actuacións musicais e o conxuro da queimada.

A asociación critica que a Xunta de Galiza rexeitara declarar o Monte Pindo como parque natural malia estar a reivindicación amparada por unha ampla representación da sociedade galega, con 30 persoas expertas e con 174 entidades de distintos ámbitos ao longo do país.