Novas denuncias de estragos nun castro debido á actividade forestal do eucalipto

Novas denuncias de estragos nun castro debido á actividade forestal do eucalipto

A asociación ecocultural Lacrar di que as tarefas de plantación de eucalipto danaron o xacemento de Herves, en Carral.


A Asociación EcoCultural Lacrar denuncia os estragos que unha serie de traballos forestais provocaron no Castro de Herves, situado en Carral, perto da estrada nacional 550 ao seu paso por esta localidade. O colectivo indica que estas tarefas consistiron en “plantar eucaliptos nun espazo protexido”.

Grazas ao avisos da veciñanza, afirma a asociación, puideron comprobar como removeron cun arado forestal as terras que circundan o perímetro do castro, arrincando algunhas das pedras do muro. “Araron na croa do castro”, denuncian,ao tempo que lembran que o castro de Herves está incluído no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia [código RI. 000003278]

Adega e Mariña Patrimonio anunciaron recentemente que pedirán o amparo da UNESCO, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, para “frear a destrución masiva dos bens arqueolóxicos galegos pola industria eucaliptal e a inoperancia da Xunta”. Estes dous colectivos presentaron a comezos de mes 40 novas denuncias por danos ao patrimonio histórico-arqueolóxico causados polos labores derivados da explotación forestal do eucalipto (plantacións, cortas, apertura de pistas, rozado con maquinaria pesada...) no norte da provincia de Lugo