Unha ollada á idea do abandono na exposición 'Coma silvas que comen muros'

Unha ollada á idea do abandono na exposición 'Coma silvas que comen muros'
[Imaxe Iván Merayo]
[Imaxe Iván Merayo]  

O fotógrafo monfortino Iván Merayo percorre espazos e lugares arredor dun eixo común: a morte.


A exposición 'Coma silvas que comen muros' chega á capital galega após ser presentada no Museo Provincial de Lugo. O seu autor, o monfortino Iván Merayo, recupera a historia do último fusilamento fascista na vila para falar de morte tras o obxectivo da súa cámara. 

A mostra permanecerá até o 20 de febreiro no CSC de Conxo onde será inaugurada este sábado 31 de xaneiro ás 12.30h. Está composta por 13 imaxes panorámicas "que parten dun campo desenfocado, da dificultade para pousar a mirada", explica Merayo no seu portal web. "Conxecturas dos derradeiros cheiros, do frío do condenado a morte. Instantáneas posíbeis dunha última ollada; da visión atropelada de alguén obrigado a se despedir ás présas. Lembranzas dunha morte indigna. Apenas ferruxe e confusión", conclúe. 

O campo do Freixido

A exposición nace dunha historia esquecida, por moitas persoas, mesmo na vila de Monforte. Acontecida en 1941 Merallo basea a súa mostra no fusilamento de Manuel Pérez Goyanes, traballador de Ferrocarriles del Norte que foi xulgado e condenado por un tribunal militar após un accidente fortuíto. 

Embora non haber persoas mortas ou feridas, Manuel Pérez foi axuizado e condenado a morte. O campo do Freixido, emprazamento do sinistro é hoxe un lameiro frío e húmido partido en dúas metades pola estrada N-120. "A sensación que produce é de abandono. Unha mestura de soidade e tristeza, reforzada polas silvas que comen os muros e se multiplican polas beiras da pista que o percorre", describe o fotógrafo quen decidiu elixir este lugar como punto de partida para reflexionar sobre a morte.