Prisión provisional e sen fianza para os tres detidos polo roubo do Códice

Prisión provisional e sen fianza para os tres detidos polo roubo do Códice
Mariano Rajoy acudirá o domingo a Compostela para entregar o Códice Calixtino á Catedral

O xuiz vén de dictar auto de prisión provisional e sen fianza para Manuel F.C, o electricista que confesou ser o responsábel de roubar o Códice Calixtino, así como para a súa compañeira e o fillo de ambos. O fiscal especializado en delincuencia contra o patrimonio cultural tamén pedía prisión provisional para o exempregado da Catedral.

Alén diso, o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, estará o domingo en Compostela para presidir a entrega do Códice Calixtino á Catedral.

Cando faltaba só un día para se cumprir un ano da desaparición do Códice Calixtino, e no medio dun clamor que reclamaba responsabilidades políticas polo roubo deste importante manuscrito do século XII, a Brigada de Patrimonio da policía española deu con el nun garaxe dunha vivenda situada no Milladoiro, Concello de Ames, comarca de Compostela. Estaba celosamente gardado nunha caixa de cartón, envolto entre papeis de xornal e dentro dunha bolsa de plástico. Nas últimas horas producíranse catro detencións en relación con estes feitos: a dun electricista que traballou na Catedral, José Manuel F.C., que foi arrestado canda a súa parella, o seu fillo e a parella deste. A casa na que apareceu o Códice é propiedade deste traballador.

José Manuel F.C., de máis de 60 anos, levaba 25 traballando como autónomo para a Catedral, e chegou a reclamar até 40.000 euros en concepto dun despedimento improcedente que se produciu en 2009 durante unha regulación de emprego. Ao parecer, após rachárense as relacións laborais, o obreiro seguía a acudir diariamente ao tempo e a participar dun oficio relixioso todas as mañás. 

Segundo a información facilitada polas fontes da investigación, había días que vixiaban o agora detido, e nas últimas horas efectuáronse rexistros en varios inmobles do Milladoiro, Negreira, Santiago e O Grove.  Froito destas pesquisas localizáronse 1,2 millóns de euros e varios libros relixiosos vellos entre os que estaba o Libro das Horas, cuxo roubo fora tamén denunciando polo deán da Catedral. A mala relación que o traballador mantiña co deán, José María Díaz, púxoo no alvo das sospeitas practicamente desde o primeiro momento, tal e como publica esta cuarta a prensa española. A tese ao redor da cal xira a investigación fala dunha vinganza persoal contra a Igrexa e, tras varios meses indagando sobre as súas rutinas e a un día do aniversario da desparición do Códice, o xuíz que instrúe a causa, José Antonio Vázquez Taín, ditou a orde de detención contra as catro persoas.

Un tesouro que non estaba asegurado: Exixen responsabilidades políticas
O Códice Calixtino é unha xoia do século XII que desapareceu o 5 de xullo de 2011 da caixa forte do arquivo da Catedral de Santiago. Alén dos resultados que se colleiten ao redor do roubo, o libro non estaba asegurado e o control das chaves da porta que daba á cámara era "bastante laxo", segundo recoñeceron fontes da investigación. Desde o Parlamento galego exixen responsabilidades á Xunta e á Igrexa no que refire á protección do patrimonio cultural galego.

Así, desde o grupo do BNG, a voceira Ana Pontón lembrou que, para alén dos anuncios por parte do Goberno nacional de mellorar a seguridade e conservación destas riquezas unha vez que o Códice fora roubado, "nada se ten avanzado". Mais iso non é todo, senón que a día de hoxe ficamos "diante da situación anómala de que aínda non se lle abriu un expediente á Igrexa".

A parlamentar quixo recordar as iniciativas que leva presentado durante este ano, instando ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, a comparecer na Cámara e informar sobre os avances na investigación e incoar o expediente oportuno para que o patrimonio bibliográfico que custodia a Igrexa teña declaración individualizada de BIC --Ben de Interese Cultural--, para alén de se adoptaren as medidas de seguridade que cumpriren para manter estas pezas expostas ao público. Na liña, Pontón chamou á revisión dos acordos-cadro entre Xunta e Igrexa para que os bens "con valor singular" pasen a ser custodiados polas institucións públicas do país.