ARTE URBANA CONTRA O FEÍSMO

O proxecto "Derrubando muros con pintura" convértese en documental

O proxecto "Derrubando muros con pintura" convértese en documental
Fotograma do documental
Fotograma do documental  

Hai un ano comezaba en Carballo o proxecto de arte urbana "Derrubando muros con pintura". Un documental recolle o proceso. Preséntase ás 21.00h. no Fórum.


Hai un ano que a italiana Roberta Venanzi e a manchega Paula Fraile comezaban a vestir de cores as paredes de capital bergantiñá coa súa arte urbana. Comezaba así o Derrubando Muros con Pintura, unha iniciativa promovida pola Concellaría de Promoción Económica de Carballo que, hoxe en día, reúne xa unha vintena de murais de artistas locais e [email protected] A produtora carballesa Mamá Lola Studios fixo seguimento deste proceso de transformación do núcleo urbano ao longo destes doce meses nun documental de 25 minutos. Reflexionar sobre a diferenza entre o "Carballo que é e o que pode ser" é o obxectivo da peza, segundo sinala Fran Rodríguez, un dos responsables de Mamá Lola Studios.

A transformación paso a paso

Nese outono de 2013, a chegada de dúas artistas forasteiras á capital bergantiñá creou expectativa. Máis aínda cando, uniformadas coa funda de traballo, comezaron a pintar no desgastado lateral dunha casa da rúa do Sol que facía de fondo á rotonda onde se ergue a escultura do Artiluxio. A escolla non foi casual. Querían comezar polas aforas da vila, para que non resultara tan agresivo, e dende alí ir gañando terreo ate chegar ao propio centro do núcleo urbano. E fixérono nunha das principais entradas da vila, a que saúda ás e aos viandantes que chegan dende Compostela, Ordes e A Costa da Morte.

"Foi unha oportunidade para as e dos artistas locais e,  ademais, a vila fixo de anfitrioa de creadoras chegadas de latitudes tan afastadas como Xapón ou a India"

A un outono chuvioso seguiu un inverno cicloxénico. Aquel mural foi avanzando pouco a pouco, contra as inclemencias meteorolóxicas, até que a primavera chegou e non só aquela primeira obra rematou senón que a ela lle seguiron moitos outros murais que comezaron a aflorar noutras paredes e medianeiras. Foi unha oportunidade para as e dos artistas locais e,  ademais, a vila fixo de anfitrioa de creadoras chegadas de latitudes tan afastadas como Xapón ou a India, da man de creadoras como Samia Singh ou Elia Kawa.

As voces [email protected] artistas

"Este proceso foi plasmado pola produtora carballesa Mamá Lola Studios nun documental no que quedan conxeladas as pinceladas a crear sobre os lenzos de ladrillo"

Este proceso foi plasmado pola produtora carballesa Mamá Lola Studios nun documental no que quedan conxeladas as pinceladas a crear sobre os lenzos de ladrillo e o día a día desta iniciativa de transformación urbana. Fano cun estilo directo, presidido pola voz en off que se intercala entre os testemuños das e dos artistas, no que se combinan as imaxes en branco e negro e a cor para darlle forza á mudanza que está a supor este proxecto que se vale da forza terapeútica da arte para curar males como o feísmo urbanístico que afectou a tantas vilas galegas froito mal urbanismo practicado a partir dos anos 60.

O documental combina a música de artistas consagrados como Édith Piaf, con pezas de bandas carballesas e unha composición orixinal de Nanny Mouro, da produtora Mamá Lola. Trala presentación da peza, o 26 de novembro no Fórum, o obxectivo da produtora é levala por diversos festivais co fin de dar a coñecer o "Derrubando muros con pintura" alén a nosa vila e mesmo alén Galicia.