'Vilamor' leva os Premios á Mellor banda sonora e Mellor fotografía no 'New York City International Film Festival'

'Vilamor' leva os Premios á Mellor banda sonora e Mellor fotografía no 'New York City International Film Festival'
A compositora Zeltia Montes e o director de fotografía Alberto Díaz "Bertitxi" recolleron o recoñecemento do xurado neoiorquino na Gala de clausura do NYCIFF.

O último filme de Ignacio Vilar inspirado nunha comuna orixinal de Negueira de Muñiz, 'Vilamor', recolle os froitos da súa participación internacional no 'New York City International Film Festival'. O xurado recoñeceu o traballo da compositora Zeltia Montes e o director de fotografía Alberto Díaz "Bertitxi" neste filme galego. Aínda na cidade norteamericana, a galega Zeltia Montes asegurou que "a banda sonora de Vilamor supuxo para min un auténtico desafío e este premio confirma que a orixinalidade e a creatividade aínda teñen espazo nas bandas sonoras actuais e que é a través de propostas arriscadas e innovadoras como se pode conectar de novo coa alma do espectador e facerlle vivir unha experiencia única no cinema".

Este premio súmase aos que xa conseguiu tamén pola banda sonora da película 'Pradolongo', a Medalla de ouro á excelencia concedida polo director do 'Park City Film Music Festival' en Utah, EE.UU e o premio 'Jerry Goldsmith' no marco do Festival Internacional de Música de Cine de Úbeda.

Mellor fotografía
O director de fotografía Alberto Díaz "Bertitxi" recolleu o premio á mellor fotografía polo seu traballo en 'Vilamor'. Tamén participou no anterior filme de Ignacio Vilar e desde New York comenta que "este premio serve como recoñecemento ao papel da fotografía como elemento fundamental para que a historia de 'Vilamor' emocione".
A estrea de 'Vilamor' en New York realizouse nos Tribeca Cinema 2 o pasado 11 de agosto en versión orixinal galega con subtítulos en inglés.