CARTA DO LECTORADO

As da minisaia


As da minisaia

Maruja Mallo sempre contaba con certa satisfacción aquel acto revolucionario que tivera, xunto con Margarita Manso, Salvador Dalí e Federico García Lorca, de quitar o sombreiro ao pasar pola Porta do Sol. “Nos apedrearon llamánonos de todo”, contaba a propia Maruja tralo exilio. Daquela, unha cabeza que non vestira sombreiro era unha cabeza que se rendía á indecencia e se arriscaba a que as ideas lle fuxisen escorregando polo vento. O que as pintoras nunca pensaron foi que lle darían nome a unha xeración, á súa xeración: As Sinsombreiro.

Hoxe en día, superada a loita do sombreiro e con moitos frentes abertos aínda por gañar, a forma de vestir dunha muller segue a ser un debate onde participa calquera que teña a capacidade de falar. Indecente, porca, puta, provocadora. O de todos os días. Este tema, ás veces, parece superado porque cada vez as mensaxes do feminismo penetran mellor nos oídos da xente. Sen embargo, sempre hai xordos viciosos que se negan a escoitar esas mensaxes e que, ademais, cheiran a xurro que apestan. E o que debería preocuparnos é o feito de que este xurro está nunha cadeira do poder, sexa no Goberno ou sexa na dirección dun instituto, para continuar a doutrina do patriarcado.

Pasou recentemente no IES Moncho Valcarce de As Pontes —non penso calar os nomes desta inxustiza— que unha profesora chamou a atención de dúas alumnas por vestir un top e uns pantalóns curtos, alegando tan tranquilamente que ao instituto íase a aprender e non a exhibirse. E, ollo, iso non é o peor: ten habido amoestacións polo tema sen haber unha norma escrita. Norma escrita que, aproveito tamén para dicir, ameazou con poñer sabendo que ela mesma é a araña que tece todas as maldades que pasan alí dentro, que non son poucas nin cativas. Quitando que isto sería ilegal e que de seguro non pasaría un pleno do Consello Escolar, ninguén lle impide a esta muller ir polas dependencias do instituto esixíndolle ás rapazas que se lles vexa a menor cantidade de pelexo posible.

Preguntaranse logo: e como é que isto se permite? Permítese porque dentro daquel recinto esa muller é a que manda e ninguén se atreve a tusirlle. É coma a figura dun ditador que castiga utilizando un manual ideolóxico no que non aparecen recollidos o fracaso e o acoso escolar. Tal é esta realidade que hai simpatizantes da tiranía, reprimidos, torturados e ata exiliados. Os simpatizantes son todos aqueles que bailan ao son da súa orquestra sen músicos e que permiten unha penosa xestión dun instituto; os reprimidos son todos aqueles que non falan por temor ao que lles poida pasar, o que é comprensible; os torturados son os que, en maior ou menor medida, sufriron castigos por cousas que non fixeron ou os que tiveron que pasar polo acoso continuado da ditadora; e, por último, os exiliados, todos aqueles profesores que tiveron que marchar a outros institutos por non seren oprimidos na súa forma de pensar. Entón, só queda unha panda de monicreques que actúan neste guiñol onde os problemas reais se varren para debaixo da alfombra. E de momento, a sexualizar o corpo das rapazas e a maltratar psicoloxicamente alumnos por doquier.

Levo días recadando anécdotas referentes a esta muller de diferentes alumnos e alumnas que darían para un libro de como non facer escola en pleno século XXI. Alí viven nun Another brick in the wall silencioso onde as mentes libres son coartadas coa forza do castigo. Malia isto, aínda queda algunha esperanza. Unha gran maioría das rapazas vaise manifestar no instituto levando saias curtas, expoñéndose ás pedradas que no seu día levaron Maruja e Margarita. As da minisaia non van deixar que as asoballen e van facerlle honra ao espírito revolucionario do cura das Encrobas.

Ánimo, rapazas!