A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (II). A esquiva cor do xogador


A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (II). A esquiva cor do xogador

Tomando como antecedentes a análise que facíamos na entrega anterior desta serie sobre a actitude da democracia española ante a autodeterminación catalá, compréndese mellor o centrismo liberal do PSOE ou Podemos no asunto, que cun sosegado ton paternalista tentou explicar que só se estaba aplicando a legalidade vixente de xeito proporcional grazas ao seu control parlamentario, ou que chamaba sumiso a un diálogo nas institucións democráticas e no marco da lei que evitara “na medida do posible” a desproporcionalidade represiva das mesmas. É a terrorífica apatía das pretendidamente equidistantes que lle darían unha charla sobre dereito constitucional a unha torturada na sala sen cámaras dunha comisaría. Das que “esquecen” (moi convenientemente para o bloque constitucional-unionista) que o Estado susténtase sobre algo máis que papeis asinados.

Costa verdadeiramente ver nesta esquerda a inxenuidade propia de quen topara por primeira vez coa democracia e as súas promesas de harmonía pacífica do conflito. Non dende logo maior ca que unha quixera ver na dereita máis reaccionaria. Despois de todo, se algo permitiron 40 anos de legalidade a todo o espectro político con representatividade nas institucións de goberno, foi o de dotarse dun aparello estable de licenciadas universitarias e unha militancia de folgada experiencia política tanto na administración pública a tódolos niveis, como na loita sindical ou activismos varios.

Personaxes como Rueda, Jorquera, Caballero ou Beiras poden recibir moitos apelativos, mais non son dende logo ningúns ignorantes. Son pola contra, todos eles fillos destacados da intelectualidade galega, e en base a isto precisamente manteñen un status social que os considera idóneos para o seu oficio como gobernantes. Unha mostra da regra non escrita de que, non importa que “obreirista” ou “capitalista” sexa o discurso, quen mellor o pode representar politicamente é alguén de “clase media” con estudos universitarios (que capacitan, suponse, nalgunha materia común para iso do gobernar).

Isto ata certo punto é algo que non supón inconveniente admitilo dende a dereita, que case que leva o clasismo por bandeira ante a masa do censo electoral; mais no caso da esquerda reformista acarrega inevitablemente certo trauma interior. Cando os teus mitins falan dos problemas máis elementais da clase traballadora, e os teus panfletos das políticas necesarias para atenuar as diferencias de clase que provocan ditos problemas, a ostentación clasista debe, canto menos, reinventarse en paternalismo.

En resumidas contas, sitúase á votante media entre a disxuntiva da hipocrisía da esquerda da reforma e o cinismo da dereita do recorte, sen aparente escapatoria. Como calquera pode apreciar a diario a través do seu televisor ou a pantalla do seu móbil, dende ámbolos lados do hemiciclo fálasenos nunha xerga común da que custa diferenciar unha doutra marca electoral. Por dispares que semellen partidos como o PP ou o BNG, ambos prometerán en campaña manter e melloraren servizos sociais, crear novos postos de traballo e seren os auténticos representantes da sociedade galega. No medio, os fogos de artificio: difamación da lista rival pola súa experiencia pasada ou presente de goberno (senón falta dela), as características persoais da candidata ou pola frase anecdótica que recollera con mofa a prensa nas últimas semanas.

A “vella” ou “nova” política (coma se isto significara algo) reducida a marketing, repite un ciclo continuo de ilusionantes promesas e decepcionantes “traizóns” que sempre achacará a casos individuais. O fundamental aquí, é procurar que nunca transcenda a súa función obxectiva, o seu papel estrutural. Do que se trata, é de que mesmo a papeleta “antisistema” sexa en realidade un voto máis ao que chamamos “sistema” que, convén non esquecermos, só responde ante o capital mesmo: unha institución extra-parlamentaria para a que non hai nin pode haber control democrático algún, e que ostenta o verdadeiro poder.

Como se poderá comprender (e malia o pouco intuitivo que semelle) foi historicamente a esquerda parlamentaria quen levou e leva o maior peso deste cometido. O verdadeiro sustente do chamado Réxime do 78, do que agora certos sectores desta afirman quererse afastar ante a manifesta desafección do electorado.

Resulta un exercizo practicamente inútil lembrar nestas liñas o papel do PSOE ante o “desafío catalán” cando foi publicitado ao minuto e ata a saciedade polos grandes medios. O fachendoso constitucionalismo “de esquerdas” partiu dunha cómoda e “sensata” defensa das lindes do Estado que precisaba pouco adorno: a idea conservadora do “sentido de Estado” ten tal forza que, trala sinatura de Sánchez da aplicación do 155 coa correspondente represión policial e xudicial en Cataluña, non houbo sequera a mínima oposición interna dunha “esquerda socialista” disconforme coa política de caxato do goberno de Rajoy. Aquelas rifas entre “sanchistas” e “a xestora” que ata había nada ocupaban os editoriais e minutos de ouro dos medios do Grupo PRISA ou Mediaset, logo se revelaron como o teatro barato que sempre foron remando de forma conxunta no bloque unionista/nacionalista español.

Tentando manterse no posible á marxe de polémicas alleas, a marca galega do PSOE mantívose ocupada coas loitas intestinas entre afíns a un ou outro barón territorial polo control das secretarías provinciais. Non era isto, dende logo, ningunha novidade no PsdeG como non o é no resto do Estado, onde os xogos de tronos internos neste partido repítense cada certo tempo e a diferentes escalas de maneira máis profusa do que acontece noutras formacións políticas.

Si pode chamar algo máis a atención repararmos por un momento en que a dirección galega con Caballero (sobriño) á cabeza, fiel dende o comezo a Pedro Sánchez, non fora capaz de colocar as súas candidaturas afíns á fronte de tres das catro baronías provinciais: un feito que puxo máis que en dúbida o seu liderado fronte ao PSdeG, e que anticipaba poucos cambios drásticos nas listas de nomes para facerse cos concellos e deputacións do país.

Con todo, esta aparente febleza do PSdeG non é tal (ou canto menos, é relativa) se ollamos no seu conxunto o mapa político galego, no que a crise de descomposición de En Marea (ligada ás réplicas parellas nas Mareas municipais) e un inofensivo BNG, case que facían do inmobilismo e o silencio a mellor das posibilidades para o PSdeG de recuperar votos e asentos no seguinte ciclo electoral. Só era cuestión de tempo que os seus rivais pola esquerda chamaran, un vez máis, á porta dos seus despachos para renovar pactos de goberno. A política de “Unidade da esquerda” para a que só se cuestiona a pertenza do PSOE a esta categoría cando aínda hai escanos en xogo. Que Feijóo libre hoxe e indefinidamente de calquer tipo de aperto político, é tan só parte do balance dunha “oposición” parlamentaria galega que de novo, fará o imposible por esquecerllo as súas votantes en futuras citas electorais.