A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (III). Mudalo todo para que nada cambie


A esquerda galega contra a independencia de Cataluña (III). Mudalo todo para que nada cambie

Socios preferentes do PSdeG, no que nos detivemos na entrega anterior, En Marea repite a parodia que fora ata a súa disolución en tempo récord AGE. A até hai nada alianza política de Anova, Esquerda Unida e Podemos, finalmente non deu dixerido que o aparello de En Marea acabara “sendo tomado” polos que crían fantoches seus. Posverdades aparte, o certo é que os Luís Villares e os Mario López Rico que agora reciben as rabechas do chamado “sector crítico” de En Marea, foran colocados nese papel protagonista precisamente polos mesmos partidos fundadores aos que remataron por botar da coordinadora nacional.

Xa costa abaixo e sen freos, son o exemplo último do relato sobre “os traidores ao espírito orixinal” que permite botar balóns fóra á hora de reformular unhas novas siglas electorais: a “tiránica UPG” cando formaban parte dun BNG do que cumpría excindirse para “mudalo todo” coa esquerda españolista, e os “irrespetuosos coas distintas sensibilidades” Villares e dirixentes de Cerna despois de que gañaran o último plenario de En Marea facendo pública a súa división interna. O conto do nunca acabar oportunista.

Coa promesa de non repetir a liorta polo control de cadeiras no Parlamento que fora AGE, En Marea nacía dunha autodeclarada “vontade cidadá” como “a plasmación política nacional do pobo galego”. Garantía tal cousa, aseguraban, o abrir as súas listas de candidatas a asembleas cidadás alleas aos acordos entre direccións de partidos coma acontecera con AGE (Anova e EU), conformar a alianza como un “partido instrumental”, e o aval fundador das mareas municipalistas “dende abaixo”.

Naturalmente, nada disto aproximouse nunca a unha realidade moito menos fantasiosa, na que as novas diarias de En Marea eran as declaracións públicas entre rivais do suposto partido instrumental, no que uns e outros rifaban por teren praza nun órgano de dirección, o control dos cartos que chegaban polas súas representantes nas institucións, ou a quen se enchufaba ou non nun posto. Tampouco tivo nunca moito sustento a tentativa de facer pasar por “asembleas populares fiscalizadoras do traballo nas institucións” o que nunca deixaron de ser pequenas xuntazas protocolarias das diversas militancias que recollou o novo partido.

Agardar un resultado diferente partindo de replicar unha experiencia previa na que xa se daban estas mesmas dinámicas de identidade coa institución e as súas formas, só evidencia unha vez máis a hipocresía de quen teima en vender boas intencións no canto de feitos concretos. Mal se poden xustificar dende logo as “boas intencións” de quen, coñecendo perfectamente os límites de gasto municipal aos que se tiñan que axustar segundo a lexislación vixente, prometeron en campaña grandes remunicipalizacións, a paralización dos desafiuzamentos, a mellora do transporte público ou das rendas sociais.

A saída das mareas foi, como sabemos, culpar de todo a La Voz de Galicia, o ministro Montoro, o sectarismo do BNG ou ata aos mesmos funcionarios municipais cando non se cumpría nada do prometido e, ainda máis, seguiron a venta en Compostela do Hospital Vello, os enfrontamentos co movemento asociativo coma o CSO A Insumisa na Coruña, ou os desencontros en Ferrol coas viciñas de Santa Mariña e o Ensanche. A cesión a Unidos Podemos do grupo electo de En Marea no Congreso dos Diputados, só foi unha oportunidade máis para anticipar o que viría despois.

Co conto de frear a un PP que acabou revalidando a súa maioría absoluta no Parlamento, a “creba democrática” galega rematou dando un bandazo á dereita análogo á española: a idea de que a súa proposta política ten que facerlle regates e convencer o votante de dereita, ao mesmo tempo que non descontenta a súa militancia. Unha esquerda á que lle escandaliza que se repartan carnés, pero que admite sen reparo a economía de mercado dada como único sistema marco capaz de organizar a produción de bens e servizos, do que só cabe solicitar algún edulcorante de Estado de Benestar vago e sen precisar.

O xiro lingüístico e crer que o discurso articula a realidade que defende a Unidade Popular, tráenos a unha situación inverosímil hai só uns anos, na que mesmo se propón abertamente roubarlle a extrema dereita o seu discurso que “conecta co profundo sentir do cidadán de a pé”. Exemplo disto son o apoio de Podemos á xestación subrogada, ou a aposta de modelo de estado unionista que comparte con Esquerda Unida “contra todos os nacionalismos”, opondo a reivindicación dunha patria española que xa case nin se esforza en disfrazar de “republicana e federal”.

O asalto aos ceos (do Parlamento) xustificaba e xustifica para Anova todo o camiño percorrido. A escisión da socialdemocracia nacionalista galega con Beiras á cabeza, rematou compartindo mesa e prato co españolismo de esquerda contentándose con tentar forzar certa ambigüidade aos seus novos dirixentes dende o seu estreado status como lobby de opinión do laboratorio político da Complutense.

Compañeiros dende o comezo mesmo da travesía, a FPG de Méndez Ferrín ao tempo que se defende “comunista e independentista”, non atopa razón de peso ningunha para abandonar a “Unidade Popular” con quen a diario lanza proclamas a manter a unidade territorial do Estado e o respecto á Lei. A súa disolución como partido nas dinámicas institucionais, identificándose como Anova dende a súa mesma fundación, é tal que mesmo xa non resulta un escándalo entre as súas filas que se evitara solicitar dende os seus representantes parlamentarios a retirada do 155 en Cataluña.

Valedores dun falso comunismo análogo ao do PCG en EU, a UPG no BNG, ou Anticapitalistas en Podemos, afastado hai xa décadas da teoría marxista sobre o Estado, a revolución e a ditadura do proletariado, para unha “máis realista” vía de pacto e reforma; fan seu o centrismo liberal doutras tradicións da esquerda ignorando, quizáis, que hai unha continuidade entre este e o pensamento máis reaccionario. Que a decadencia do primeiro prepara o terreo do segundo, e que existe unha intrínseca comunión de intereses económicos e políticos entre ambos.

A tensión da continuidade-rutura entre o centrismo e a dereita máis reaccionaria (puidérase ler como apuntabamos, “hipocresía e cinismo políticos”) ten, mal que lle pese ás defensoras da “rexeneración interna” destas organizacións, unha base material na situación económica xeral. Dende logo, é importante na análise política identificar fenómenos concretos do seu desenrolo: entender as súas propias lóxicas e efectos, non perderse na estrutura, e saber apuntar responsables con nome e apelidos. Mais tamén é importante (e máis ainda, visto o panorama cheo das recurrentes “xustificacións” aludindo a casos individuais illados, etc. que criticabamos hai uns parágrafos) pescudar a que responden, debullar o contexto económico no que xurden.

Se a “nova cultura política” aseméllase tanto á vella socialdemocracia nas súas formas e propostas, quizáis sería prudente cuestionarse se estas son realmente ou non froito dunha conspiradora decisión voluntarista. Seguindo as teses da columna semanal de Ferrín no Faro de Vigo, haberá quen vexa nesa figura da “conxura traidora” explicación abondo da dexeneración histórica da esquerda revolucionaria, e que polo tanto, non considere necesario extraer lección ningunha: se se considera que o político ten plena autonomía, é lóxico chegar pensar que tales xiros políticos pódense revertir con outro xiro voluntarista de igual forza e sentido contrario.

Outro xeito de velo, co marxismo, é comprendermos que estes xiros son en realidade a resposta necesaria dun desenrolo previo máis xeral, e que a superación das continuas frustracións ás que levan, pasará inevitablemente por atender as bases económicas que os sustentan. Non se trata aquí soamente de despexar espexismos, senón de rematar á vez coa roda mesma do “primeiro como traxedia e logo como farsa”: comprender a necesidade da revolución fronte ao ciclo keynesianismo-liberalismo da reforma.