Necesitamos abrir un tempo novo


Necesitamos abrir un tempo novo

Non se trata dunha frase feita ou dun propósito abstracto, o meu concello e o meu país precisan cambiar o paso.

O país está cheo de recursos, de posibilidades, e este 26 de maio decidimos como queremos explotalos, decidimos se queremos manter esta parálise ou queremos avanzar.

Vou de 4ª nunha lista do BNG nun concello pequeno, Castrelo do Val, e son dun pobo pequeno, Piornedo, é dicir, eu son a periferia da periferia.

Nunca sobrevoei no persoal o entorno do concello, nin busquei ningún tipo de beneficio arredor da política. Os meus veciños coñécenme a min e a lista da que formo parte, e coñecen o alcalde do PSOE, que dunha ou doutra maneira leva no goberno municipal 32 anos e xestiónao como calquera de nós xestionamos a nosa casa, en función dos seus intereses. Tamén coñecen o candidato da oposición que na órbita do PP e da deputación dende sempre, baila o seu ben coñecido baile.

Non teño ningunha aspiración para min, máis ca romper co status quo que fai que o meu pobo agora, e o meu país despois, se teña en conta cando se xestionan os recursos.

Manteño un apego tenro e infantil cos meus veciños e no ti a ti avergóñame pedirlles que voten a miña lista porque non quero incomodalos. Porén, vexo que os representantes do concello, e candidatos do PSOE, veñen á vila para prometerlle unha hora máis na atención a domicilio, ou se cadra o arranxo dun camiño ou a ver se poñen algo máis de luz na entrada de súa casa, a cambio de seguir votándolles, ou os candidatos do PP ofrecéndolles uns bancos para sentar ao fresco ou unha pinturiña para o santo que dá vergoña velo así.

A min cústame explicarlle que precisamos dende o concello xestionar a limpeza dos montes que se achegan perigosamente as casas, que a dependencia non pode cubrir só a hixiene no fogar, cómpre tamén asistencia persoal, para que o Luis e a tía Genoveva e meus pais poidan estar na súa casa o máximo tempo posible. Cústame dicirlle que noutros concellos se está tratando de afastar a praga que afecta aos castiñeiros, tantos na nosa zona, con tratamentos diversos, e que no noso non se preocupan en absoluto por esa axuda económica que as castañas aportan ás nosas familias. Cústame afirmarlles que a ximnasia unha vez á semana está moi ben, pero se a xestión fose igual para todos ou facilitasen o desprazamento serían posibles moitos máis servizos, cústame aclararlles que unha distribución equitativa dos recursos daríalle dignidade ao pobo e posibilitaría que, se cadra, e só se cadra, se evitase o seu abandono.

Necesitamos abrir un tempo novo no que a prioridade sexan as persoas e non o mantemento das institucións. Necesitamos máis BNG nos concellos. Avergóñame pedir o voto para min, pero non me da vergoña pedilo para a miña lista, para calquera lista do BNG.

Votar BNG este domingo e decidir se quero que me fagan favores ou que se exerciten os meus dereitos.