O valor do que vale


O valor do que vale

Sen dúbida, unha das máis visibles eivas colectivas é a nosa escasa memoria histórica. Un pobo non pode vivir sen memoria histórica, sen cultivala, sen anovala, sen exercitala. Ningún pobo con boa saúde pode esquecer o seu pasado, tanto próximo como afastado, porque sería o mesmo que descoñecerse, sería carecer no tempo de referencias e de referentes, sería, ao cabo, un pobo entangarañado.

Galicia é un país onde ninguén lembra nada e, como isto é así, onde todos poden falsificar a historia. Porque o problema é ese: a memoria morde. Por ser libre, preguntona, transgresora, cuestionadora, subxectiva e hermética ás veces. E como tal, os nosos políticos e políticas non son máis que reflexo desta sociedade.

Por exemplo, o nacionalismo galego debe ter o valor de recoñecer as cousas que valen. Manuel María -sen ningunha vontade de desmerecer a súa figura- non é o Pessoa galego, unha militancia non pode ser nunca un recuncho de gloria. Así mesmo, personaxes tan contraditorios dentro da "causa" como Ramón Piñeiro, deben ser aceptados por todos aqueles que nos chamamos galeguistas ou nacionalistas, á marxe dos vougos ideoloxismos cos que, infelizmente para a realidade dos feitos e por tanto para a verdade histórica, esgrimen aqueles que prefiren vivir de alucinacións.

Cando todo aquel nacionalista con mente limpa e non embazada por prexuízos culturais, políticos ou ideolóxicos de calquera orde, con xuízo verdadeiramente crítico e sereno, entre a eito en figuras como a de Ramón Piñeiro, de certo que se deberá decatar con claridade de que foi un persoeiro decisivo na historia do galeguismo, vital para a reconstrución da cultura galega despois da Guerra Civil.

Vai sendo inadiable poñer claridade nuns tempos que, aínda quedando tan próximos a nós, se nos presentan moitas veces ensumidos nas neboeiras dos prexuízos e dos tópicos -piñeirismo, culturalismo, elitismo- baixo a ollada compracente da hipocresía ou do silencio como razón de estado. É hora que de todas as figuras decisivas para este País sexan aceptadas por todo nacionalista, dende Moncho Reboiras ata Vicente Risco. O camiño a seguir debe ser o de liberármonos do secuestro da mente que, neste país, algúns teñen conseguido seguindo o peor e máis retrógrado estalinismo, dende a delación ao gulag do espírito.