TECNOLOXÍA

As bondades da cultura libre, á palestra nas XI Xornadas do GPUL

As bondades da cultura libre, á palestra nas XI Xornadas do GPUL
Imaxe das Xornadas cedida polo GPUL
Imaxe das Xornadas cedida polo GPUL  
O Grupo de Programadores e Usuarios volveu divulgar experiencias no Linux cun programa que este ano se dividiu entre a administración de ferramentas web e o desenvolvemento dun proxecto amplo

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL) vén de celebrar as XI Xornadas Libres para a promoción do sistema operativo Linux dentro da comunidade universitaria. Precisamente con este obxectivo naceu o colectivo, integrado nun primeiro momento por ao redor dunha ducia de alumnas e alumnos da Facultade de Informática e que hoxe conta con 200 integrantes. Nestas xuntanzas, e segundo explican desde a organización, persoas "socias, amigas e colaboradoras do Grupo narran a súa experiencia" cos novos aplicativos que saen á comunidade.

Nesta liña, as intervencións marcadas no programa deste ano divídense entre o desenvolvemento e administración de ferramentas web por unha banda e, pola outra, como converterse en programador dun proxecto grande e consolidado de software libre. Sobre esta cuestión falarán José Millán Soto (socio de GPUL e membro de KDE), Juan José Quintela Carreira (socio de GPUL, profesor da FIC e traballador de Red Hat) e Carlos Sanchez (membro da Apache Software Foundation). As xornadas estiveron abertas a calquera que desexe achegarse ao eido do software, o hardware e a cultura libres.

Mais o traballo do GPUL coruñés arrincou nos primeiros anos da década dos 90, cando naceu o Linux, e fíxoo fóra dunha Internet que non estaba aínda implantada dabondo na Galiza. Os primeiros pasos déronos a través dunha BBS --Sistema de Taboleiro de Anuncios--, un software para redes de computadoras que lle permite a quen o use conectarse ao sistema a través dunha liña telefónica para actividades tales como descarregar datos, ler boletíns, gozar de xogos en liña ou intercambiar mensaxes. Grazas a esta última funcionalidade o Grupo de Programadores e Usuarios promocionaba o software libre e o seu propio proxecto.

Desde hai once anos, o colectivo celebra unhas xornadas Libres con periodicidade anual coas que pretenden abrirse a un público que fique fóra das portas da Facultade de Informática. Ademais deste evento, desde o 2006 organizan tamén un acto internacional, con palestras temáticas que van desde a xestación colectiva dun proxecto até como se incorporar a unha actividade que ten xa unha metodoloxía definida, sempre no eido do software libre e pensadas para desenvolvedoras e desenvolvedores, aínda que intentan chegar tamén a ouvintes con coñecementos máis básicos.

Nos vindeiros meses, o colectivo concretará o programa dunhas Xornadas sobre hardware libre, coas que buscan afianzar aínda máis a comunidade galega de profesionais da informática e da educación no seo da programación aberta, e difundir os beneficios desta entre o maior número posible de persoas. Mais, polo de agora, a cita co pingüín Tux será na Coruña os vindeiros 23 e 24 de abril, na mesma facultade que viu nacer este GPUL.