Até 10 mil euros de multa por usaren auga dun río con fins agrarios

Até 10 mil euros de multa por usaren auga dun río con fins agrarios

O Ministerio español de Agricultura notificou a diversas familias de Vilavella (Triacastela) a abertura de expedientes sancionadores polo uso de auga procedente do río Teixido. 


O expediente iníciao a Confederación Hidrográfica Miño-Sil após denunciaren axentes do Seprona (Garda Civil) e Cementos Cosmos a "derivación de augas" do Teixido "sen concesión administrativa" por parte da veciñanza de Vilavella en Triacastela. O uso desa auga responde, segundo recolle a propia notificación administrativa, a usos agrarios para o rego dunha "parcela" sita no propio termo. 

Porén, amparándose na Lei de Augas e o regulamento de dominio público hidráulico (1986) coida unha "infracción leve" o aproveitamento desta auga e fixa como "sanción aplicábel" até 10 mil euros de multas. 

Os textos foron remitidos desde o goberno español a varios domicilios da parroquia que contan cun prazo de 10 días para presentaren as súas alegacións e probas. 

Auga para unha cementeira mais non para regar as leiras

A sanción que prevé impor o Ministerio de Agricultura á veciñanza de Vilavella que usou auga do Teixido para regar as súas leiras baséase na concesión que lle foi outorgada a Cementos Cosmos S.A. para fins industriais e que converten a empresa cementeira en propietaria do río. 

Denuncian que a Conferencia Hidrográfica "non atendeu aínda ningunha das denuncias feitas polos veciños polo corte e destrución do cauce" ou "verquidos sen autorización" de Cosmos

Segundo algunhas das persoas ás que lle foi remitida a sanción a veciñanza descoñecía a existencia desta concesión que "prevalece", afirman, "sobre o secular uso agrícula" das augas do Teixido polo que "continuou a regar como toda a vida os prados da ribeira de devandito río".

Neste senso, denuncian que a Conferencia Hidrográfica que os sanciona é a mesma que "non atendeu aínda ningunha das denuncias feitas polos veciños polo corte e destrución do cauce, verquidos sen autorización, moitos deles altamente tóxicos, usurpación do dominio público hidráulico e dos propios recursos hídricos, captacións ilegais de mananciais... que realiza Cementos Cosmos", afirmaba Marcos Celeiro na súa conta de Facebook após coñecer o contido do expediente sancionador aberto desde Agricultura, entre outras, á súa familia. 

O conflito entre Cementos Cosmos e a veciñanza de Triacastela non se limita ao río Teixido. A cementeira denunciou o propio Celeiro por un suposto delito contra a honra da empresa que atribúen á súa acción social contra a canteira que posúe en Vilavella e que prexudica os restos arqueolóxicos máis antigos do Noroeste peninsular, a Cova Eirós.