Corte de auga en Ferrolterra por problemas biolóxicos na depuradora


Corte de auga en Ferrolterra por problemas biolóxicos na depuradora

Os concellos de Narón, Fene, Ares, Mugardos e a propia cidade departamental prohiben o consumo durante "dous ou tres" días, tamén para cociñar. 

As análises desenvolvidas pola Xunta de Galiza os días 6 e 15 de xullo sinalan a existencia dunha porcentaxe de trihalometano superior á permitida legalmente. No concreto, máis de 80 microgramos por riba dos 100 que fixa a lexislación derivados de erros no sistema de depuración da auga. 

Neste senso, os servizos sanitarios prohibiron o consumo e uso alimentar da auga da billa até novo aviso. Axentes da policía municipal dos respectivos municipios comunicou por megafonía á veciñanza a prohibición ao tempo que foron advertidos tamén hospitais e escolas. 

Os gobernos locais agardan solucionar a crise en "dous ou tres días"

Embora o seu consumo --agás de maneira prolongada-- non carrexa prexuízos na saúde, as recomendacións son cesar o seu uso o que levou a veciñanza a proverse de garrafas de auga mineral que desapereceron axiña dos supermercados. 

Segundo informou o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, en comparecencia de imprensa conxunta cos rexedores de Narón, Fene, Ares e Mugardos, a "crise" podería ser resolta en "dous ou tres días". Cuestión na que están a traballar as empresas concesionarias da xestión deste servizo.