Denuncian novas agresións e ameazas ambientais na área LIC das Gándaras

Denuncian novas agresións e ameazas ambientais na área LIC das Gándaras

Ambientalistas cualifican "agresiva" para o ecosistema desta zona do Porriño a obra de recheo para restaurar unha explotación mineira.


A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Asociación Española de Herpetogía (AHE) e Verdegaia cualifican como moi agresiva para o ecosistema a obra de recheo que se está realizando para a restauración dunha explotación mineira no límite do LIC Gándaras de Budiño (O Porriño). Esta obra, que se realiza en solo catalogado como ‘Solo rústico de especial protección de espazos naturais’, debería ter como obxectivo, afirman os colectivos anteriormente mencionados, devolver o terreo ás condicións iniciais. Mais, denuncian, verifícanse diversas actuacións que xeran dúbidas sobre a legalidade da obra:

Así, sinalan na denuncia, a cota das terras verquidas na antiga barreira excede, na actualidade, a altura natural do terreo o que unido á inestabilidade do terreo e a que a obra se realiza no límite da pista que contorna o LIC, existe o risco dun esvaramento de terras sobre o propio LIC. Ademais, "descoñécese a procedencia dos materiais empregados no recheo, polo que existe un risco elevado de presenza de elementos tóxicos". E, por último, "as augas pluviais da zona de recheo van á zona baixa onde está o LIC e o río Louro, polo que existe risco de contaminación polos lixiviados dos residuos cos que se está a realizar o recheo".

Pasos a dar

Dado que o “LIC Gándaras de Budiño” pertence á Rede Natura 2000 da Unión Europea (código ES1140011) e que estas actuacións vulneran diversas normativas ambientais, como a Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e a Biodiversidade e a Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade medio ambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais, as tres asociacións dirixíronse ao Concello de O Porriño, á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e á Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Ordenación do territorio.

Puxéronse en contacto con estas institucións para pedirlle: que se investigue e, no seu caso, de apreciarse que as actividades descritas puideran ser motivo de infraccións ou delito cara o medio ambiente, conforme á normativa ambiental vixente, se tomen as medidas sancionadoras oportunas "e se obrigue á reparación dos danos provocados, coa finalidade de devolver o espazo á situación orixinal". Aliás, pídese que se investigue a afección dos lixiviados no LIC Gándaras de Budiño e no río Louro e que se determine o risco dun escorregamento de terras sobre o LIC.