AS FORZAS ARMADAS INTENSIFICAN O USO DE ARTILLERÍA E MORTEIROS NAS MANOBRAS MILITARES

O exército coloca concertinas en Parga

O exército coloca concertinas en Parga
[Imaxes BNG-Guitiriz]
[Imaxes BNG-Guitiriz]  

O arame delimita o perímetro dunha área empregada polas forzas armadas para manobras militares. Desde o BNG de Guitiriz exixen a súa retirada polo "perigo" que supón para as persoas e a fauna da zona. 


O campamento militar situado na parroquia de Parga (Guitiriz) conta desde hai unhas semanas cun arame de concertinas que delimita a área empregada polo exército español para desenvolver manobras militares e probas de tiro. Este mecanismo substituíu ao muro de pedra que tradicionalmente definiu a marxe do espazo e a súa instalación coincide no tempo coa intensificación das operacións nesta localidade luguesa. 

Desde o grupo municipal do Bloque denunciaron publicamente a medida aplicada polo exército ao alertaren do "perigo certo e evidente" que este material supón para "as persoas e a fauna da zona". 

Segundo indican desde a organización frontista "a colocación de concertinas" prodúcese nun lugar próximo a "estradas e vivendas" sen que esta decisión responda "a criterios obxectivos de seguridade". 
 

O exército desenvolve manobras nun espazo para enxeñería 

Neste senso, critican que a colocación do arame e mesmo as operacións que o exército español desenvolve na zona, contradín o acordo de cesión das terras nas que se ubica o campamento e que foron proporcionadas pola veciñanza de Parga para "a instalación dunha escola de enxeñeiros do exercito, polo que o uso que dende fai anos se lle está a dar, de campo de tiro e de manobras, deturpa aquel acordo, facendo un uso espúreo e abusivo das verdadeiras intencións da veciñanza", explican. 

E é que a actividade militar desenvolvida nos últimos tempos intensificou os labores de tiro no recinto "co aumento das molestias lóxicas desta actividade coma o ruído e do perigo que supón a utilización de morteiros e artillería nunha zona con poboacións moi próximas coma Santa Cruz, Roca ou Soexo", acrecentan. 

Así, desde o BNG de Guitiriz advirten que a modificación que este feito supón do acordo estabelecido entre a veciñanza e o exército podería dar pé a unha reclamación da "reposición da propiedade" por parte da comunidade". 

Aliás, avanzan que instarán o Concello de Guitiriz a se posicionar en contra do "arame da vergoña", como se lle coñece após a súa instalación na fronteira de Ceuta e Melilla, e a exixir que o Ministerio de Defensa revise os protocolos de actuación que se desenvolven no campamento.