A veciñanza de Coia denuncia perante a Fiscalía as obras na rotonda

A veciñanza de Coia denuncia perante a Fiscalía as obras na rotonda
[Imaxe Esther Lora]
[Imaxe Esther Lora]  

Através da asemblea de barrio instan a investigar un posíbel delito de prevaricación, malversación de fondos, suborno e tráfico de influencias, afirman.


A veciñanza do barrio vigués de Coia, através da súa asemblea, presentou na terza feira (16 de decembro) un escrito perante a Fiscalía para instar a investigación xudicial das obras na rotonda da rúa Castelao. Segundo as persoas que se organizaron contra a colocación do buque Bernardo Alfageme na glorieta, a equipa de goberno municipal --a comezar polo alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Fomento, David Regades-- podería ter incorrido nun presunto delito de prevaricación, malversación de fondos, suborno e tráfico de influencias. 

As sospeitas da veciñanza fundaméntanse, segundo explicou Emilio, veciño de Coia e integrante da asemblea en conversa con Sermos Galiza, en que "non hai papeis de nada" que expliquen os traballos iniciados na rotonda. O goberno local non fixo público o expediente de licitación das obras o que fai pensar á asemblea veciñal que podería existir "falta de legalidade". 

A empresa adxudicataria posúe un longo historial delictivo

Neste senso, a veciñanza solicita que se chame a declarar a Abel Caballero e David Regades, como responsábeis políticos, mais tamén ao titular legal de Civis Global, a empresa que está a levar a cabo os traballos. Na documentación presentada perante a Fiscalía lémbrase o historial da entidade --anteriormente denominada Movex Vial. A construtora mudou de nome após ser condenada por diversos delitos fiscais no caso 5 Jotas, como avanzou o diario local Vigodixital

A empresa foi condenada por fraude fiscal e conta mesmo cunha denuncia criminal na Coruña

Malia os seus problemas coa xustiza, a empresa continuou mantendo unha estreita relación co goberno de Abel Caballero (PSOE) de quen percibiu contratos por valor de máis de 35 millóns de euros desde 2013. 

Para alén de facturas falsas Civis Global atópase investigada pola adxudicación supostamente irregular dunhas obras de humanización da cidade vinculadas ao Plan E. Aliás, na Coruña posúe unha demanda criminal por supostas ilegalidades urbanísticas nas obras do túnel da Marina. 

Os antecedentes xudiciais da entidade acenderon as alarmas entre a veciñanza que exixe sexan feitos públicos os documentos que sustentan a aprobación, licitación e adxudicación das obras na rotonda da rúa Castelao. 

A veciñanza mantense "esperanzada"

Entrementres, un retén de entre 15 e 20 persoas mantense día e noite xunto as obras para impedir que estas se reanuden. Após dúas semanas de loita desde a asemblea veciñal amósanse "moi esperanzados" e "con máis xente que nunca" perante a actitude dun goberno ao que din, "fáltalle sensibilidade social" por "non palpar o sufrimento" que atinxe a cidadanía viguesa. 

"Temos ganas de loitar" e "sabemos que a constancia é a nosa forza", asegurou Emilio. Desde a asemblea aberta denuncian que a equipa de goberno local mantén unha actitude encamiñada a "ensuxar a opinión pública". Porén, salientan, "cada vez contamos cun maior apoio ás nosas demandas".