24 de xuño de 1891: a primeira declaración de oficialidade do galego

24 de xuño de 1891: a primeira declaración de oficialidade do galego
Manuel Murguía
Manuel Murguía  

Foi outro 24 de Xuño. De 1891. A primeira declaración de oficialidade do galego. Con este texto inauguramos unha subsección da Comunidade Sermos en que dialogamos coa historia deste país.


Os primeiros xogos florais que se celebraron na Galiza foron os de 1861 na Coruña aos que seguiron outros en diferentes localidades. O denominador común destes certames era a difusión da poesía galega, aínda que se admitían tamén traballos de investigación en castelán, e ás veces tamén de creación.

Mais no ano 1891, o mesmo ano en que os restos de Rosalía foron trasladados desde o cemiterio de Adina a Bonaval, organízanse uns xogos florais nos que se sinala como oficial a lingua galega: “Soio se poderá falar en galego”.

“¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo”.

A organización destes xogos, concibidos inicialmente como de periodicidade anual, obxectivo nunca conseguido, correu a cargo da Xunta Rexionalista de Tui.

O día 24 de xuño, ás cinco da tarde, comezou o acto, aberto polo alcalde de Tui, señor Areses. Logo interveñen Don Manuel Lago González, presbítero e profesor do seminario daquela e máis tarde arcebispo de Compostela, que pronunciou o discurso de abertura.

Leu a continuación Murguía o seu discurso. Nel exaltou, como tiña feito en moitas outras ocasións, o idioma galego, mais agora o diferente era que para iso usaba o galego: “¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo”.

O semanario Sermos Galiza publicará proximamente a íntegra deste discurso histórico de Manuel Murguía, unha persoalidade basilar no rexurdimento da nación galega.



x