COBERTURA ESPECIAL SOBRE REFUXIADAS E ELECCIÓNS GREGAS

Cristian López e Felipe Carnotto: “Queremos escoitar sobre o terreo e contar con honestidade o que está a pasar en Europa”

Cristian López e Felipe Carnotto: “Queremos escoitar sobre o terreo e contar con honestidade o que está a pasar en Europa”
Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]
Felipe Carnotto e Cristian López [Foto: Pavi]  

O xornalista Cristian López  e o fotógrafo Felipe Carnotto desprazaranse até Grecia, Macedonia e Serbia para abordaren no terreo o éxodo migratorio que percorre Europa e cubriren as eleccións gregas do próximo 20 de setembro. As súas reportaxes verán á luz nas páxinas do semanario Sermos Galiza e tamén na súa edición dixital.


Conversamos con eles dous cando fican a poucas horas de iniciaren unha viaxe que ten moito de reto. Por diante teñen unha semana de xornalismo de campo, nunha das áreas informativamente máis quentes do planeta. Nesta entrevista abordan o propósito desta cobertura, mais deitan tamén reflexións arredor de como entenden o xornalismo.

Cal é a rota que ides facer e que aspectos pretendendes cubrir informativamente?

A rota arranca en Idomeni, unha vila grega próxima a Macedonia. Ali hai un campo de persoas refuxiadas chegadas das illas gregas. O seguinte punto será Gevgelija (Macedonia), onde buscan transporte cara a fronteira con Serbia, que será o seguinte destino no camiño, previo paso por Skopje (Macedonia), colapsada pola chegada de persoas refuxiadas. En Serbia achegarémonos o centro de refuxiadas en Presevo. E para rematar, estaremos o día 20 en Tesalónica, segunda cidade grega, para os comicios helenos. 

Como xorde este proxecto? Que vos anima?

"Malia a precariedade na que nos movemos en ocasións os freelance, decidimos converter a frustración nun revulsivo"

Xorde nas primeiras semanas de agosto. Debatíamos posíbeis temas para traballar, e xa roldaba a idea de facer algún proxecto internacional. Ao fío das primeiras alertas foi gañando peso esta posibilidade. Primeiro, pola magnitude informativa. Nós traballamos habitualmente temas sociais e, nese sentido, tiñamos motivos abondo. Despois está o reto persoal, de dar o salto, de afrontar novas etapas profesionais. Malia a precariedade na que nos movemos en ocasións os freelance, decidimos facer unha aposta: converter a frustración nun revulsivo.

Que expectativas tedes xornalisticamente? Que resultado agardades obter?

"Agardamos ofrecer información propia, de primeira man e elaborada desde unha óptica humana, lonxe de imaxes fixas"

Afrontamos esta experiencia con respecto e humildade. Traballamos as últimas semanas para ir o mellor documentados e preparados, mais partimos coas mesmas expectativas que traballamos sempre. Escoitar e contar con honestidade o que pasa. Neste caso as historias do éxodo masivo que percorre Europa, sabendo das dificultades que iso terá no terreo. Agardamos ofrecer información propia, de primeira man e elaborada desde unha óptica humana, lonxe de imaxes fixas. Non esperamos obter certezas, mais si esperamos estimular moitas dúbidas. 

Un xornalista e un fotógrafo. Que importancia vai ter a imaxe no voso relato informativo?

Queremos que a imaxe sexa un elemento importante na narración, dotando o texto dun sentido máis amplo e completando emocionalmente a descrición dos lugares, feitos e persoas que encontremos no camiño.

Que pode achegar un traballo de campo destas características a diferenza das coberturas convencionais?

Proximidade, precisión e un chisco do noso acento persoal. Imos coa convicción de que, alén do enorme fluxo informativo, do control que exercen un número reducido de axencias internacionais, existen fendas para informar. 

Sermos Galiza vai realizar unha cobertura especial a partir do voso traballo, que nos podedes adiantar sobre ela?

No próximo número do semanario sairá unha ampla reportaxe sobre a crise das persoas refuxiadas, e na edición dixital ofreceremos información e material audiovisual complementario. No seguinte Sermos en papel daremos conta do acontecido nos comicios gregos desde dentro.