O XORNAL EN GALEGO EN PAPEL E NA REDE

A Redacción de Nós Diario bota a andar

A Redacción de Nós Diario bota a andar
Vista xeral da redacción de Nós Diario
Vista xeral da redacción de Nós Diario  

O presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A, Xoán Costa, e da directora de Nós Diario, María Obelleiro dedicaron unhas palabras ao novo equipo de xornalistas do medio, que sairá á luz, tanto en papel como en dixital, o vindeiro 2 de xaneiro.

 


pro2A Redacción de Nós Diario botou a andar durante a xornada desta terza feira tras unhas emotivas palabras do presidente do Consello de Administración, Xoán Costa, e da directora, María Obelleiro.

Costa deulles a benvida ás novas e novos xornalistas que se incorporaron á Redacción, definíndoos como a “peza fundamental” de Nós Diario, un medio que “fará normal o que agora non o é”, en alusión a un medio diario en papel en galego. Tamén sinalou que esta xornada de outubro se une á lista de “datas referenciais” para Sermos Galiza, da que axiña formará parte o 2 de xaneiro de 2020, día da estrea de Nós Diario, un medio que “ten Galiza como referente e os intereses galegos como meta”. Textos coa “maior calidade” xornalística e coa máxima “excelencia lingüística” foron as demandas do presidente do Consello de Administración á Redacción, ofrecendo a cambio “a máxima axuda da empresa”.

Pola súa banda, María Obelleiro dirixiuse ás profesionais da información lembrando que o papel tamén pode ser o futuro: “Cando estudabamos xornalismo, explicábannos como o nacemento da TV ía acabar coa radio, como o nacemento da internet ía acabar coa TV e como o libro electrónico ía acabar co libro en papel. Nada disto pasou. A apocalipse que se predicía para a prensa en papel non foi tal, segue a ser unha influencia”.

Ademais, lembrou que Nós Diario é “un organismo vivo, que nace sobre o papel, pero que se enriquece coas ideas de todos, con xenerosidade, rigor, ilusión, ganas e traballo en equipo”, engadindo que precisamente con este traballo en equipo se logrará sacar adiante un proxecto “moi modesto, que comeza de cero, coas todas dificultades que iso implica, mais moi ilusionante”.

Indicou que "a nosa liña editorial pasa pola defensa dos intereses da Galiza. O noso centro de atención está aquí, ao servizo da Galiza e as nosas xefas e xefes son os lectores. A eles debémonos". Finalmente, Obelleiro dedicou unhas verbas a lembrar a “tolerancia cero” de Nós Diario coa manipulación informativa, co incorrecto uso do idioma e coas faltas de respecto á linguaxe inclusiva, que serán “puntais” do medio.

Nós Diario terá tolerancia cero coa manipulación informativa, co incorrecto uso do idioma e coas faltas de respecto á linguaxe inclusiva, afirmou María Obelleiro

Xesús Manuel Piñeiro, o xornalista con máis antigüedade en Sermos Galiza, incidiu neses eidos e tamén dedicou un momento a lembrar os membros de Sermos Galiza que xa non forman parte do proxecto, “mais sen os cales chegar até aquí sería imposíbel”, destacando entre outros Carme Vidal e Xosé Mexuto.

Un novo equipo de xornalistas para un novo medio

proNós Diario botará a andar o vindeiro 2 de xaneiro tanto en papel como na rede. Deseñado por un dos máis brillantes grafistas da Galiza, Pepe Barro, as informacións irán asinadas por un equipo de profesionais da información cuxa media de idade atópase nos 35 anos e que conforman unha Redacción que mestura a experiencia de profesionais de ampla traxectoria en medios galegos coa formación máis actual de xornalistas graduadas nos últimos anos na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. lembra que o Nós Diario nace grazas ao apoio das máis de 3.000 asinantes que garantirán a súa estabilidade financeira e anima todas as persoas que non ven satisfeitas as súas ideas de avance social na prensa convencional a se sumar a Nós Diario mediante as distintas modalidades de subscrición (pode accederse aos contidos do diario por só 56 céntimos ao día –no caso da subscrición anual ao diario dixitalizado na nube–).

Nós Diario editarase de terzas a sábados, día en que o acompañará un Sermos Galiza remozado a modo de suplemento. Na rede, editarase os 365 días do ano para informar a un público obxectivo de pensamento aberto, actual e implicado, con temáticas que non adoita recoller a prensa convencional, como os feminismos, o traballo, a diáspora, a historia, o ecoloxismo, a lingua, os dereitos e liberdades civís…

O diario en papel estruturase ao redor de catro grandes módulos de información: Galiza, Traballo, Internacional e Cultura e Axenda e contará con tres seccións de ruptura: Opinión, En Foco e a Última.

Nos próximos tres meses, a Redacción de Nós Diario traballará na posta en marcha do proxecto.