XOÁN COSTA

“Que eu saiba non existe nada parecido ao A Fondo na imprensa galega e mesmo na española"

“Que eu saiba non existe nada parecido ao A Fondo na imprensa galega e mesmo na española"

Cen números non son nada, ou ao menos para Xoán Costa, o presidente do consello de administración de Sermos, que xa soña co A Fondo 1000. Dispoñíbel na nosa loxa.


Para o presidente do consello de administración de Sermos, o A Fondo é un produto único, non só por ser o único semanario en galego nos quiosques, senón tamén pola súa finalidade: ofrecer un espazo de análise e debate dende unha perspectiva galega.

-Como xurdiu a idea de crear este caderniño de análise que é o A Fondo?

-A idea xurdiu a finais do ano 2012 cando xa Sermos levaba máis de medio ano no quiosques. Iniciamos un proceso de mudanzas no semanario, que afectou tanto á capa e á logotipo do Sermos como aos contidos e ás seccións interiores. Nese momento foi cando pensamos que a introdución dun caderno de análise podería ser unha forma de consolidar o medio. Despois dun pequeno parón de nadal, onde rediseñamos Sermos Galiza, inauguramos o A Fondo no primeiro número de xaneiro de 2013 cunha análise das reformas que se estaban a facer no mundo laboral e no ámbito das pensións.

-Foron, precisamente, os recortes no estado do benestar (en dereitos e liberdades, na saúde, na educación, no mundo laboral…), dos aspectos máis tratados até o de agora nos A Fondo

-Efectivamente. Cando ideamos este modelo de análise da realidade, pensamos que debería guiarse por dous eixos definitorios. Por unha banda, a análise de temas de actualidade ou de cuestións que, non sendo de tanta actualidade, si tiveran vixencia. Por outra parte, quixemos fuxir do academicismo e adaptarnos á linguaxe xornalista para, a través loxicamente de [email protected] que traballan no tema,  introducir o debate e a análise na sociedade, pero dende un punto de vista ao alcance de todas as persoas que len Sermos..

"Os A fondo son cadernos de análise elaborados de maneira externa á redacción de Sermos Galiza. Supuxo, nestes dous anos, contar con ao redor de 400 persoas que, dunha ou doutra maneira, achegaron moi diferentes puntos de vista sobre os temas a tratar".

-En que medida o A Fondo supuxo alargar o tecido cívico co que o semanario colaboraba?

-Os A fondo son cadernos de análise elaborados de maneira externa á redacción de Sermos Galiza. Supuxo, nestes dous anos, contar con ao redor de 400 persoas que, dunha ou doutra maneira, achegaron moi diferentes puntos de vista sobre os temas a tratar. Fixérono de maneira desinteresada, de balde, o que lle agradecemos en gran medida. Enriqueceron ese abano que é a liña editorial de Sermos, que consiste en ofertar unha información precisa para  un contexto real, preciso e actual, como é a Galiza na que estamos vivindo.

-Que o diferencia doutros suplementos do panorama mediático galego?

-O A Fondo, tanto pola súa concepción como pola finalidade coa que naceu e se desenvolve,  é un produto único. E non só por sermos o único semanario galego nos quiosques. Que eu saiba, non existe nada parecido na imprensa publicada en Galiza, e mesmo na española: o feito de manter semanalmente un abano de temas tratados dende diferentes perspectivas. Iso convérteo nun produto único. O seu fin é ofertar á sociedade ferramentas para a análise de determinadas realidades, sempre dende unha perspectiva galega.

-Un A Fondo que para ti fora especial?

-Eu destacaría o A Fondo “Rosalía de Castro, a liberación das tebras”, sobre todo polo contexto.  Veu inmediatamente despois de que Sermos estivese durante 22 números seguidos publicando unha páxina sobre Rosalía e no contexto do 150 aniversario de Cantares Gallegos. Supuxo un reto, na medida en que había que confeccionar un A Fondo que non se repetise con respecto ao tratado nas semanas anteriores e que achegase novidades no que se estaba facendo no contexto dese 150 aniversario.  

-Cales foron os A Fondo máis exitosos, ou en vendas, ou en acollida?

-Foi xustamente o de Rosalía o máis vendido na loxa dixital. Tamén foi bastante vendido “Galiza nun tempo de seu”, que saíu en coincidencia cunha exposición da ASPG sobre o reino de Galiza, ao igual que os referidos ás pensións e tamén o que se lle dedicou aos xogos tradicionais. Hai outros A Fondo que adquiriron popularidade por ter sido presentados publicamente, aínda que non sempre se reflectiu na venda en loxa, como o caderniño sobre sexualidade.

"O que me gustaría é un suplemento ou que celebrase o número 1000 do A Fondo,  porque suporía que o proxecto de Sermos Galiza se consolidou e é útil para a sociedade galega."

-Que se está a argallar dende Sermos con motivo da publicación deste A Fondo sobre os cen números de Sermos?

-Poñeremos en marcha unha campaña que terá como obxectivo dar a coñecer o A Fondo. Agruparemos nun único paquete e en formato dixital todos os A Fondo publicados até agora, para vendelos dese modo. Fixaremos o prezo do paquete en 50 euros, mais tamén daremos a a posibilidade de facer unha doazón, en principio de cen euros, aínda que tamén estamos estudando a posibilidade de abrir diferentes tramos de doazón. A campaña chamaríase “Cento por cento”.

-Que plans de futuro hai para o A Fondo?

-Nestes momentos a idea que temos é continuar con esta liña de publicación. Poderase traballar o deseño ou cadralo  doutra maneira no novo formato que ten o semanario dende que saímos con 40 páxinas,  ou dende que nalgún número contamos con outro tipo de suplementos. Mais en todo caso, neste 2015, a concepción do produto non está cuestionada.

-Que A Fondo che gustaría ver publicado?

-Na realidade, o que me gustaría é un suplemento ou que celebrase o número 1000 do A Fondo,  porque suporía que o proxecto de Sermos Galiza se consolidou e é útil para a sociedade galega.