JOÁM EVANS PIM É COORDENADOR DO A FONDO Nº98

“É imposíbel coñecer o gasto militar real do estado español”

“É imposíbel coñecer o gasto militar real do estado español”

É probábelmente das institucións máis opacas do Estado. Resulta misión imposíbel saber canto se gasta en realidade nela. No A Fondo que sairá do prelo esta quinta feira, conxuntamente co número 133 de Sermos Galiza, pasamos revista ao Exército.


Joám Evans Pim dirixe, dende Rianxo, o Center for Global Non Killing. Cofundador en 2006 do IGESIP, o Instituto Galego de Estudos de Segurança Internacional e da Paz, Evans Pim é na actualidade docente nun mestrado en investigación para a paz en Finlandia e  investigador así mesmo no eido dos Estudos da Paz.

-Neste A Fondo pasaremos revista ás Forzas Armadas. Dende que enfoque se fará?                   

-As Forzas Armadas permean un abano moi amplo de asuntos. Faremos unha análise dos orzamentos destinados ás Forzas Armadas, do gasto público, da axencia política e do papel que ten no conxunto do Estado... Mais o A Fondo tamén pretende ser construtivo e fará unha proposta ás alternativas á militarización da sociedade e de formas distintas de entender a defensa.

-Fas referencia aos orzamentos militares e, neles, de feito, está centrado un dos artigos. En que medida este tipo de información é accesíbel á sociedade?

-É totalmente imposíbel hoxe por hoxe ter unha idea clara e fidedigna do gasto militar do estado español. Unha grandísima parte dos orzamentos non están no Ministerio de Defensa, senón esparexidos en diversas administracións públicas. É unha estratexia para ocultalo en partidas doutros ministerios e entidades públicas. Se hai un ámbito no que non hai transparencia, é no gasto militar. Neste artigo téntase facer unha achega, dentro da complicación que iso supón.

-Segundo os cálculos que se proporcionan neste A Fondo, o 5,31% de todo o orzamento do Estado iría para as súas despesas militares...

-Dicíase que despois das Guerra Fría os gastos militares diminuirían, mais temos visto na última década unha volta ao incremento de gastos militares, sobre todo en programas extremamente caros a longo prazo, que se van camuflando en hipotecas e que supoñen unha carga para as décadas futuras. Cómpre ter en conta a presión do grande lobby industrial que hoxe representa o propio ministro.

"Hai todo un lobby que ten as súas redes nas propias forzas armadas para promover un gasto público excesivo e por veces en tecnoloxías non necesarias ou que mesmo están desactualizadas."

-Cal é o papel que xoga o Estado español na exportación de armamento?

-Hai que ter en conta dúas cuestións. Por unha banda, a propia exportación, na que están implicadas industrias de moi diversos ramos. E despois, o papel do sector financeiro financiando estas industrias dentro do estado e fóra. No ámbito da Galiza é coñecido o caso de Navantia en Ferrol, a Fábrica de Armas hoxe inoperativa, empresas tecnolóxicas, recentemente o tema dos drons... Moitas veces camúflanse os usos militares nos usos civís. Hai todo un lobby que ten as súas redes nas propias forzas armadas para promover un gasto público excesivo e por veces en tecnoloxías non necesarias ou que mesmo están desactualizadas.

-Cuestións como o pico do petróleo e o esgotamento das súas reservas, son ben coñecidas por analistas das Forzas Armadas, como ben se indica no A Fondo, mais non forma parte do interese da axenda política e informativa.  A que se debe isto?

-No ámbito da política non somos capaces de pensar a longo prazo, o que é un gran defecto. Normalmente os programas electorais e as propostas políticas en xeral fanse a catro anos vista. No ámbito do pensamento estratéxico, que ten moita predicación nas forzas armadas, mais que noutros sitios tamén se aplica a outros ámbitos, existe unha tradición de estudos de prospectiva, que consideran as situacións a longo prazo. Chama a atención que dende o ámbito militar, non só español, se considere un problema moi serio o pico do petróleo mentres que nas administracións civís se ignora por estar nese ámbito do longo prazo que normalmente non se atende. Poderiamos tomar nota porque, se lemos os informes dos institutos militares, as consecuencias son de moito calado e deberiamos prepararnos para eses escenarios.

"Dende a Transición, houbo un gran proceso de branqueamento dunhas Forzas Armadas que, no estado español, estiveron manchadas polo xenocidio . Fíxose mediante as chamadas misións de paz e tamén coa inclusión das mulleres"

-Outro dos artigos do caderniño reparará no rol das mulleres no exército. Até que punto a súa presenza pode actuar como mecanismo de lexitimación das Forzas Armadas?

-Nos últimos 30 anos, dende a Transición, houbo un gran proceso de branqueamento dunhas Forzas Armadas que, no estado español, estiveron manchadas polo xenocidio e por manter unha ditadura militar durante catro décadas. Fíxose mediante as chamadas misións de paz e tamén coa inclusión das mulleres, dende un punto de vista máis ben propagandístico, nunha institución patriarcal, encarnación do machismo e dos seus valores. As cifras son máis ben simbólicas mais serven para ser explotadas para ese fin.

-Cres que a sociedade realmente ten coñecemento da existencia de alternativas ao exército?

-Nisto é no que se centra o meu artigo. Como parte do meu traballo, preocúpome por dar visibilidade a esas alternativas, ás alternativas á defensa militar, a propostas vellas pero pouco coñecidas como a da defensa civil. Tamén se pretende criticar a propia natureza das forzas armadas canto que entidades co monopolio lexitimo da forza letal. Dende unha perspectiva humanista, ou dos dereitos humanos, entendemos que non debería existir ese monopolio. A forza letal non ten que ser unha solución adecuada para os problemas, e normalmente non o é. De feito, as guerras deste século apuntan a que as intervencións que supostamente se fan en nome da paz e dos valores occidentais normalmente acaban en niveis máis acentuados de violencia e de conflito.

-Por que a entrevista deste a Fondo se fai co Espazo Aberto antimilitarista?

-Creo que é importante darlle voz aos movementos sociais. Na Galiza o movemento antimilitarista tivo unha forza moi importante na época da resistencia ao servizo militar obrigatorio. O Espazo Aberto Antimilitarista  é dos colectivos máis activos e continuou, trala desaparición do servizo militar obrigatorio, como a insubmisión fiscal ao gasto militar. Representan o antimilitarismo activo. A sociedade poderá atopar neles unha crítica moi necesaria.