PEGADAS DO PASADO A FORXAREN O PRESENTE

Mapas de memoria e desmemoria

Mapas de memoria e desmemoria
Santiago de Toldaos
Santiago de Toldaos  

Unidade e memoria son os vimbios sobre os que se tece a capa deste Sermos da metade de agosto, o 158. 


Mais hoxe falemos só da memoria. Neste número mesmo as Palabras con memoria, a sección de AELG que coordina Isidro Novo, parecen ter o seu mellor encaixe, case un complemento, co relato de Pepe de Pura.

A cartografía da Galiza mártir, a cartografía do terror representada en nomes, nomes de persoa e nomes de lugar, eses nomes que gardan a memoria do paso das persoas polo territorio, da súa actividade e do desenvolvemento económico.
Algún destes nomes é novo nesta sección, outros xa apareceron, como é o caso da Estivada de Cacheiras, o lugar en que se fai a homenaxe a Anxel Casal.

"Ao lado destes lugares de terror e morte hai outros que denotan memoria de repoboacións, feitas, seguramente, contra a vontade das persoas que as tiveron que sufrir".

Ao lado destes lugares de terror e morte hai outros que denotan memoria de repoboacións, feitas, seguramente, contra a vontade das persoas que as tiveron que sufrir. Na historia recente da Galiza o caso máis chamativo de colonización foi o da Terra Chá, entre os anos 1954 e 1968. Non foi este o único proxecto levado a cabo xa que tamén se actuou na Illa de Ons e na lagoa de Antela.

No caso da Terra Chá, para ocupar os novos poboados e traballar as novas parcelas a “selección” de colonos fíxose en Negueira de Muñiz, o territorio que na altura estaba sendo anegado pola barraxe de Grandas de Salime para a produción de enerxía eléctrica. O encoro partiu en dúas metades o municipio, incomunicou o territorio e converteuno no menos poboado de Galiza, con 210 persoas en 2009 segundo os datos do INE.

Os veciños de Negueira de Muñiz trasladados á Terra Chá non levaronIgrexa Astureses consigo os nomes das súas aldeas de orixe. Foron para catro asentamentos que xa tiñan nome e a memoria daquelas casas ficou debaixo da auga. Mais non sempre sucedeu así.

Atopamos hoxe na Galiza topónimos que confirman a presenza de colonos procedentes de outros territorios.  Por exemplo das terras do que hoxe chamamos Coimbra debían proceder as persoas que deron nome ás seis ou sete entidades de poboación que hoxe chamamos CUMBRAOS (CUMBRÁNS, nas terras de Mazaricos). De Monterroso debía ser o Gonçaluo Yanes de Cumbraos que xunto a “Apariçio Fernandez e Pedro Fernandez e, Martín Perez de Couello, Iohan Juanes de Sirgual, Martin Juanes de Parteme, Iohan Perez de Sirgual e otros muytos” aparece nun documento de 1278 relacionado co priorato de Vilar de Donas. Neste CUMBRAOS tamén se celebra, segundo podemos ler na capa do Sermos Galiza, nesta caso na versión dixital, un festival denominado Son Agrogay coa finalidade de visibilizar "un rural diverso, afectivo e sexualmente" ao tempo que "defender e dar valor a outros principios como a sostibilidade, o respecto ao patrimonio material e inmaterial e o ecoloxismo".

"No concello d' A Lama, Pontevedra, existe unha entidade de poboación denominada CASTELÁNS, e en Vilar de Santos e Calvos de Randín achamos a forma CASTELAUS"

En Láncara, Pantón, O Incio e Triacastela establecéronse os colonos procedentes das terras de Toledo. Hoxe eses lugares denomínanse TOLDAOS. O nome aparece xa configurado antes de finalizar o século XIII, segundo podemos ler nun documento de Ferreira de Pantón de 1299: “dou en foro ... o casar que donna Millia a en Toldaos, o qual foy de Ferrnán Iohanes, que ias suu siño de Seoane de Toldaos

Posibelmente a forma TOEDO, na Estrada, teña a ver con Toledo, aínda que neste caso parece non se referir a presenza de colonos dado que non é unha forma de xentilicio. Sería, para algúns autores, unha forma de base prerromana.

No concello d' A Lama, Pontevedra, existe unha entidade de poboación denominada CASTELÁNS, e en Vilar de Santos e Calvos de Randín achamos a forma CASTELAUS, en referencia á posíbel presenza de persoas procedentes de Castela. 

Aínda procedentes de fóra da Galiza achamos un ASTURESES en Boborás.

Se estes topónimos fan referencia a xentilicios procedentes de fóra do país hai outros que dan conta de posíbeis migracións internas, como poden ser os SARREAUS localizados por terras de Bande, Riós ou Maceda e con clara orixe en SARRIA ou  BANGUESES (Conuçuda cousa seia a todos conmo eu Siluestre Fernandes dito Tinoso de Bangueses, por outorgamento de miña moller Dominga Migueles, podemos ler nun documento de 1324) . Estes Bangueses son procedentes de Banga, no Carballiño e asentaron en VEREA, Ourense, mais isto fica para outro número, se for o caso. Agora a desfrutar do presente.