Morre Alexander Schmuck, galego por elección e por amor


Morre Alexander Schmuck, galego por elección e por amor

O profesor Alexander Schmuck, colaborador de Sermos Galiza,  morreu este 10 de xaneiro en Mainz e as súas cinzas serán trasladadas a Galiza, o país que tanto amaba. Schmuck era un alemán que se confesaba “galego por elección”. 

Colaborador, desde os inicios, do xornal Sermos Galiza, un proxecto que contribuíu a crear, Alexander Schmuck, profesor de Xeografía e Bioloxía de Ensino Medio en Wörrstadt (Renania-Palatinado) adoptara a lingua galega como propia desde hai moitos anos cando, a través da súa compañeira, a poeta  Marga do Val, descubriu e comezou a amar o noso país. 

No artigo que agora reproducimos titulado “E se vos digo que o galego é a lingua do amor?”, Alexandre Schmuck desmontaba os prexuízos tantas veces empregados para non falar a nosa lingua e púñase el mesmo, alemán monolingüe en galego nas súas estadías no noso país, como exemplo para desarticular os argumentos contra a nosa lingua. A súa fora unha “elección” conducida polo amor. “Porque cando eu falo galego quen loa unha lingua universal inexistente, quen nega a riqueza lingüística do planeta, quen pretende facernos crer que esta lingua nos illa e nos afasta do mundo, fica sen argumentos”, escribía no artigo, un texto especialmente lido na sección de opinión do xornal. 

A recuperación da memoria histórica é outro dos ámbitos nos que Schmuck desenvolveu unha intensa actividade na Galiza, asistindo a multitude de actos e mesmo participando nalgunhas xornadas e encontros nos que expuña o tratamento do tema no ensino público alemán en comparanza co silencio e o esquecemento que imperou no noso país. 

As cinzas de Alexander Schmuck regresarán a Galiza, como era o seu desexo. 



x