Un ollar a fondo sobre a banda deseñada galega


Un ollar a fondo sobre a banda deseñada galega

O movemento da BD en Galiza está acadando fitos históricos, malia a non ter tido nunca unha tradición empresarial. A el vai dedicado o A Fondo desta semana, que coordina Kiko da Silva.

O desta semana é un A Fondo especial, feito con todo o mimo tanto do coordinador, Kiko da Silva, que vén de recibir o Premio Castelao de BD e mesmo fixo unha capa comiqueira para o suplemento desta semana, como do equipo de colaboradores e colaboradoras, entre o que se encontran recoñ[email protected] xornalistas, críticos e creadores/as do sector: dende Miguelanxo Prado e David Rubín, que son entrevistados, até os xornalistas Suso Blanco e Germam Hermida, o crítico Octavio Beares e a escritora María Lado, así como a redacción de "Metrópoles Delirantes", o primeiro programa en galego sobre banda deseñada.

O movemento da BD en Galiza está acadando fitos históricos, malia a non ter tido nunca unha tradición empresarial. Tal e como ten sinalado o crítico Álvaro Pons, durante oito tempo, falar de cómic no Estado será falar de cómic en galego. O A Fondo analizará a evolución do sector dende a súa eclosión a principios deste século até o hoxe en día. Un contexto, o actual, de pros (cun sector organizado, coa creación de colectivos e editoriais e mesmo con iniciativas para a formación profesionalizante) mais tamén de importantes contras: no medio da crise económica, da falta de axudas e dun panorama marcado polo escaparate global que internet é, que fai moito máis sinxela a difusión da obra propia mais dificulta destacar entre toda a oferta. En todo caso, como indica o coordinador, Kiko da Silva, nesta entrevista para Sermos, "A crise non pode coa BD galega porque a BD galega está acostumada a vivir sen cartos".

Do boom ás xeracións emerxentes

Germán Ermida, xornalista e membro do colectivo BD Banda, analiza os factores que explican a revolución vivida pola banda deseñada galega a principios de século. "De certo este éxito −explica− de se ter dado noutra atividade artística, havía contar con um importante reconhecimento no nosso país, o que mostra a falta de normalizaçom que aínda afecta à novena arte na nossa cultura".

Octavio Beares analizaas máis novas xeracións da banda deseñada galega, entre as que se encontran figuras emerxentes como Los Bravú, colectivos como Fume, de Carozo, ou autoras como Xulia Vicente, que vén de recibir o premio Benito Losada, ou Inés Vázquez, que destacou no Concurso de Banda Deseñada da Mariña. "As novas xeracións, sinala Octavio. loitan por emerxen nun panorama duro, pero que se sostén con talento".

Falan Miguelanxo Prado e David Rubín

"O cómic ten a obriga de axudar a crear conciencia", afirma todo un estandarte da banda deseñada galega, Miguelanxo Prado, na entrevista que, para este A Fondo, lle fan dende Metrópoles Delirantes. Prado abonda, nunha conversa ampla, en cuestións que van dende o seu propio credo creativa até os proxectos que, neste momento, lle están a buligar no maxín.

David Rubín, que responde ás preguntas da escritora María Lado dende Burundi, destaca polo prolífero do seu traballo e por unha traxectoria que atravesou xa as máis diversas paraxes da banda deseñada, dende o mundo dos fanzines até o mercado americano no que agora traballa. "Interésanme os heroes que bailan na corda frouxa entre a luz e a escuridade", manifesta.

O coordinador, Kiko da Silva, reflexiona sobre a necesaria formación para a profesionalización do colectivo. El, que fixo Belas Artes porque era onde podía atopar unha formación máis semellante ao que quería aprender, decidiu afrontar tal baleiro creando "O Garaxe Hermático", o primeiro centro en impartir BD de maneira profesionalizada na Galiza. Desa experiencia fala no seu artigo.

O micromecenado dixital tamén, para a banda deseñada, está a constituír alternativa a explorar para o financiamento de proxectos. Carlos Portela e Sergi San Julián explorárona para en A Conta atrás, mais xa antes, Mariano Casas levara adiante iniciativas de autoedición. De crowfunding, dos seus pros e compras, escribe para este A Fondo o xornalista Suso Blanco.