Un ollar a fondo e inédito sobre a Galiza da Gran Guerra

Un ollar a fondo e inédito sobre a Galiza da Gran Guerra

A Galiza da I Guerra Mundial é un gran descoñecida. Cando están a piques de facerse os cen anos do inicio da contenda, no suplemento A Fondo descubrimos un país en movemento, no contexto dun bipartidismo en crise e dunha monarquía decadente.


O A Fondo desta semana descóbrenos unha Galiza inédita, baixo a coordinación do historiador Dionisio Pereira, que fixo un meticuloso traballo para este suplemento, acompañado doutros grandes expertos na historia e na economía do país: Xoán Carmona, Miguel Cabo, Eliseo Fernández, Uxío Diéguez Breogán e Carlos Velasco.  Non só o contido destaca polo valor dos artigos, senón tamén polo das imaxes, algunha delas publicada por primeira vez, como a manifestación en Vigo do ano 1916, en protesta contra a especulación cos produtos de primeira necesidade, que protagoniza a capa do suplemento.

Miguel Cabo, do departamento de Historia Contemporánea da universidade compostelá presenta o contexto económico, político e social da Galiza do momento e lembra episodios como os motíns provocados pola carestía de subsistencias.

O catedrático de Historia e Institucións Económicas, Xoán Carmona, entrevistado para este A Fondo por Dionisio Pereira, explica como a Gran Guerra acelera na Galiza procesos de cambio. Sectores como o agrícola e o pesqueiro modernízanse. A expansión da industria conserveira supón unha pequena revolución industrial. De modo parello, consolídase a conciencia de clase na burguesía industrial e no proletariado.

O coordinador do suplemento, Dionisio Pereira, recupera a memoria do movemento operario nun período que resultou crucial, co incremento do proletariado, a superación do localismo na súa organización e a integración progresiva nos sindicatos UGT e CNT.

Da importancia do movemento obreiro na Galiza do momento é proba o episodio relatado polo historiador Eliseo Fernández, a celebración do Congreso Internacional pola Paz en Ferrol, convocado a inicios de 1915 polo Ateneo Obreiro Sindicalista de Ferrol

Uxío-Breogán Diéguez, profesor de historia da Universidade da Coruña, amósanos o paso do galeguismo ao nacionalismo no contexto da contenda bélica: "No tempo da Grande Guerra, esta xerazón constituíu a xénese do primeiro núcleo vertebrador de institucións culturais galegas, cun pensamento político que pretendía a recuperación nacional da Galiza.

Tamén profesor na Universidade da Coruña, Carlos Velasco expón a evolución, no período, dun dos movementos sociais máis influentes da época: o agrarismo. O final da Gran Guerra daría paso de intensa actividade organizativa, no que o movemento acada a súa madurez política e a súa máis ampla implantación territorial.

O A Fondo desta semana debuxa unha imaxe diferente da Galiza do momento, afastada do país atrasado que artella o estereotipo, e non tan diferente á do contexto actual: un sistema política en crise, o bipartidismo da Restauración, unha monarquía en decadencia, e unha cidadanía a ferver no abrollar e consolidacións de diversos movementos políticos e sociais.



x