UN A FONDO SOBRE O EXÉRCITO

Pasando revista ás forzas armadas

Pasando revista ás forzas armadas

O A Fondo desta semana pasa revista á situación do Exército, e faino baixo a coordenación de Joám Evans Pim quen, dende Rianxo, dirixe o Center for Global Non Killing. Disponíbel xa aquí na nosa loxa.


O caderniño de análise de Sermos bota contas do gasto militar no Estado español, que contabiliza en máis de 23.000 millóns de euros tendo en conta o que está camuflado en diferentes administracións e entidades empresariais públicas e semipúblicas, fronte aos 5.766 que se recoñece oficialmente como orzamento do Ministerio de Defensa. O A Fondo repara, ademais, no papel das Forzas Armadas como piar do Estado, no rol das mulleres nas mesmas, e nas alternativas cara á unha sociedade sen Exército.

"O estado espanhol, em 2014, era a sétima potência mundial en exportações de armamento", destácase na entrevista ao Espazo Aberto Antimilitar, onde se fai fincapé na situación actual do movemento antimilitarista, na importancia da industria militar na Galiza e en estratexias cívicas como a insubmisión fiscal.

"O exército é imprescindível para a constituição e sobrevivência do estado ─destaca a politóloga María José Castelo─ porque é o instrumento através do que este exerce o seu monopólio “legítimo” da violência tanto no exterior como no interior". "Os estados europeus atuais ─destaca─ foram projetos militares ainda antes do que politicos".

Alternativas á defensa militar

"O caderniño de análise de Sermos fai explícito o "lavado de cara" do que o Exército español ten sido obxecto dende a Transición, con estratexias como a participación nas chamadas misións de paz"

Joám Evans Pim, o coordenador deste A Fondo, lembra que unha sociedade sen exército é posíbel. Argumenta a superioridade, fronte á acción armada, das estratexias de resistencia civil. No artigo, evidencia a incapacidade de imaxinar alternativas ao modelo de defensa militar dende o debate político: "A renovada defesa das forças armadas por parte de Podemos ou os planos para a futura organização militar da Catalunha desenhados pola Assemblea Nacional Catalana são apenas alguns exemplos."

Dende Véspera de Nada, a Asociación para unha Galiza sen Petróleo, Afonso Fernándes pon en evidencia a relación dos exércitos e da acción militar co esgotamento das reservas petrolíferas: "O Pico do Petróleo e o declínio das fontes energéticas são questões bem conhecidas nos centros de planificação". Fernandes contrasta o interese militar polo asunto fronte á ausencia de debate ao respecto nas axendas políticas e informativas, nunha mostra de ausencia de planificación de futuro.

O caderniño de análise de Sermos  fai explícito o "lavado de cara" do que, en verbas de Evans Pim, o Exército español ten sido obxecto dende a Transición, con estratexias como a participación nas chamadas "misións de paz" ou a incorporación das mulleres. Dáse conta nas súas páxinas, así mesmo, dunha militarización da sociedade in crescendo: "A renúncia explícita ou implícita ao antimilitarismo de boa parte da esquerda e a crescente despreocupação social ante a 'questão militar' tornou possível uma crescente militarização da sociedade".